Onte 1221: Pola vida do galego
A declaración institucional da Academia Galega, «O galego dá vida. Pola vida do galego», presentada onte polo seu presidente Xesús Alonso Montero, recupera o pulo e a intelixencia colectiva que a institucioón amosara noutros momentos decisivos da nosa historia. O feito que nos dous primeiros puntos do decálogo (de redacción nalgúns parágrafos moi luminosa) reclamase o desenvolvemento das medidas previstas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004 e a derrogación do decreto chamado de plurilingüismo, recorrido legalmente pola propia RAG, supón recuperar a firmeza no discurso e o liderado que lle son propios a unha institución cuxa obriga mais importante non é outra que, como reza o artigo primeiro dos seus estatutos, a da «defensa, ilustración e promoción da lingua galega».
Mágoa que a reclamación que a RAG fixo á Xunta de Galicia de realizar «unha reflexión seria» e promover «un novo impulso para evitar o desafiuzamento do galego da súa propia casa, Galicia» fose despachada unhas horas despois polo Goberno Galego cunha nota de propaganda na que se ratifica punto por punto nas medidas da súa política lingüística que, como tamén sinala a declaración da Academia, «non só tiveron resultados insatisfactorios, senón que supuxeron un retroceso evidente». Diante de comportamento tan decepcionante, é lexítimo preguntar, outra vez máis, cando explicará Feijóo as razóns desta súa teimosa estratexia antigaleguista, que tanto dano está causando á lingua galega e ao seu futuro. Como tamén sinala o documento da RAG no seu derradeiro punto, o galego precisa «un marco normativo máis axeitado, pero sobre todo, un discurso renovado, positivo e proactivo». Nesta tarefa colectiva, á que a Academia chama a participar ao conxunto da sociedade galega, correspóndelle á Xunta de Galicia «tomar a iniciativa e liderar o esforzo social». Que eu engadiría constitúe unha responsabilidade irrenunciable dos poderes públicos en Galicia e daquelas persoas que os encabezan.
Parabéns a Academia Galega pola claridade e oportunidade da súa declaración e pola recuperación da unidade de acción de todos os seus membros en tema tan esencial. Unha lección de galeguismo.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir