Onte 1161: Culturgal para o profesorado
Dentro da programación do Culturgal 2014 non deben pasar desaparecibidos os programas formativos para profesionais. Particular relevancia ten o foro Culturgal para o profesorado de educación non universitaria, «Novas ideas na escola: das ferramentas TIC e outras tecnoloxías», que se celebrará ao longo da xornada do sábado, en sesións de mañán e tarde, nas salas de conferencias do Pazo da Cultura de Pontevedra. Un programa completísimo que abrirán a conferencia de Diego Rosales Galiñanes sobre a elección dun modelo de ensino dixital e a presentación da premiadísima aplicación Creappcuentos creada por unha empresa viguesa.
Nas primeiras sesións de tarde presentaranse as experiencias das bibliotecas escolares do Rosal e das Neves e da Biblioteca Municipal de Ribadavia. Así mesmo a Coordinadora Galega de ENDL organiza unha serie de obradoiros prácticos: o de iniciación ao audiovosual do IES As Barxas de Moaña a cargo de Seso Durán; o obradoiro de xoguetes tradicionais como recurso didáctico, a cargo de Xosé López e Xosé Manuel García e o obradoiro de radio escolar impartido polo profesorado e alumnado promotor de «Ponte en galego» a radio escolar do IES Breamo de Pontedeume.
Xa nas derradeiras sesións, os participantes poderán asistir á presentación da experiencia formativa «Un Artista na escola» de EducaBarrié ou ao debate sobre «A lectura e a lectura en galego», impulsada polo servizo de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia e a Asociación de Bibliotecarios Municipais de Galicia, na que participarán a editora de OQO Eva Mejuto, á bibliotecaria de Caldas de Reis Rosa María Barreiro Novás, a asesora do servizo de Bibliotecas Escolares Pilar Sampedro e o escritor Pedro Feijoo. Unha xornada formativa completísima. Outro xeito de construír Culturgal.
Aquí pódese baixar o programa do Foro Culturgal para o profesorado e aquí enlazar co descritor da actividade recoñecida como formativa pola Consellaría de Educación.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir