Onte 1135: «Ovella descarreirada»
Imos pechando as novidades editoriais do ano. Tras a nova novela de Ameixeiras e o segundo volume da Historia da Literatura Galega de Pena, chegou onte Ovella descarreirada, o libro de poemas de Marilar Aleixandre ilustrado por Óscar Villán. Un libro que contén trinta e tres poemas, que carecen de puntos e comas, definidos pola súa autora como «coágulos de fala». Incluído na colección Milmanda, un caixón de xastre onde incluímos títulos que cremos contribúen á formación do lector literario, a maioría destes poemas de Marilar naceron coa vontade de ser cantados, outros de ser representados na escena ou xogados na aula, e todos eles para ser lidos, pronunciados gorentosamente para celebrar a festa da fala nosa. Polbos, fanecas, baleas, abellas, ovellas, curuxas, ourizos e outra animalia protagonizan este libro que arrecende a maruxía e chorimas esfragándose en primavera. Óscar Villán realizou outro dos seus grandes traballos. Aventuro que algunhas das súas planas formarán parte de antoloxías futuras da ilustración galega.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir