Onte 1113: Cuestión de tarxetas
A golfería do affaire das tarxetas negras de Caja Madrid lembra ao das máis cutres españoladas do cinema do tardofranquismo. Gastos en mariscadas, alcohol, lencería picante e puticlubs discretos, sen esquecer de cando en vez cargar a neveira no super, así como dispoñer de cartos de peto no caixeiro máis próximo do barrio. Barra libre para o conselleiro! Patético panorama de corrupción económica (e desolación moral) protagonizada por servidores públicos que ameaza con desanoar todos os cordóns de seguridades dispostos para conter os casos Gurtel, Pujol ou o dos ERES andaluces. Xaora, esta golfería xeralizada, instalada na cerna dos partidos e (tamén) sindicatos sistémicos, fose como medio do seu financiamento ou de enriquecimento dos seus dirixentes máis espabilados, non hai que ser un adiviño para aventurar que máis cedo ca tarde rebentará. Xa non hai diques que termen de tanto que fede. Como sabemos que o caso galego non pode ser moi diferente. A recuperada comisión de investigación creada onte no Parlamento Galego provocará importantes sorpresas sobre o sucedido nas caixas gobernadas durante décadas como finca de seu por Méndez e Gayoso. Será por tarxetas!?
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir