Onte 1089: Detalles didácticos
Deixando fóra o contido dos discursos e as circunstancias da visita, o que me máis interesou da inauguración do curso que os Reis realizaron onte no Colexio Ben Cho Sey de Pereiro de Aguiar foron algúns detalles didácticos que identifiquei nos álbums de fotos publicados na rede. Aventuro que non foi casual nin a austeridade das paredes do centro, con escasos reclamos didácticos, nin a ausencia de textos nos encerados, onde botei en falta, tanto nun caso coma noutro, maior presenza da lingua galega. Xaora, iso non impide identificar que son sobre todo materiais didácticos impresos (algúns para min moi recoñecibles) e manipulables os utilizados polo alumnado nas tres aulas do centro visitadas polas autoridades, a de Infantil de 4 anos e as de primeiro e sexto de Primaria. Unha lección moi oportuna do director do centro e do claustro deste centro público, máis aínda nun momento onde algúns pretenden identificar a calidade educativa co emprego do equipamento das tecnoloxías dixitais e a súa parafernalia publicitaria. Non obstante, identifiquei nunha fotografía un encerado dixital interactivo na clase de inglés, testemuña do proceso en marcha de hibridación dixital. Creo que toda a educación infantil e obrigatoria debe reforzar o seu carácter socialmente inclusivo, asumindo un enfoque transversal e globalizador dunhas aprendizaxes orientadas ao desenvolvemento das competencias básicas, con especial énfase para as de comunicación lingüística. Nese entorno educativo é imprescindible a hibridación dos soportes didácticos, ou o que é o mesmo, o emprego na aula tanto de materiais impresos como dixitais, tanto de materais de utilización individual como colectiva, no marco dun enfoque de ensino cooperativo e colaborativo.
Solo comentarche que ainda que non me sinto capacitado pra valorar o tema dos materiais didácticos concordo, mais quero facerche unha pregunta : Quén e por qué elixiu ese colexio e non outro?.
EU NON CHO SEIN, e TI?
Saude