Onte 1075: Gómez Noya e a Región de Murcia
O tetracampion das series mundiais de trialtón, o galego Javier Gómez Noya, contou para a súa participación co patrocinio da Región de Murcia. Así aparece na súa elástica. Por asombroso que pareza, un dos mellores deportistas galegos de todos os tempos, cunha traxectoria olímpica e internacional consolidada ao longo da década, non contou na súa elástica co apoio do país ao que pertence. Os responsables das secretarías xerais de deporte e de turismo, ambas as dúas dependentes do presidente Feijoo, deberían dar algunha explicación sobre isto. Perdeuse outra magnífica oportunidade para dar a coñecer nas televisión de todo o mundo «Galicia», «Galicia calidade», «Deporte galego» ou calquera outra marca que promocionase o país, algúns dos seus produtos ou a cultura de noso. Sorprende que a Xunta e as deputacións non patrocinasen a Gómez Noya cando se gastan millonadas en patrocinar as etapas da Vuelta España. Como sorprende a presenza do deportista acompañando ao presidente Rajoy nunha das súas camiñadas, coma se dun amigo de toda a vida se tratase. Xa temos expresado noutras ocasións a nosa admiración por Javier Gómez Noya, un auténtico home de aceiro con corazón xeneroso, un traballador extraordinario con grande fortaleza psicolóxica, un modelo de esforzo, superación e confianza nas propias posibilidades, en definitiva, un gran campión do que nos orgullamos todos os galegos. Xaora, os nosos parabéns para o ferrolán, a quen admiramos como deportista e como cidadán comprometido co seu país e coa súa lingua.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir