Onte 1055: Segundo día de feira
Intensísimo o segundo día da nosa participación na Feira do Libro da Coruña, onde ao longo de tres horas compartimos mesa con Rosa Aneiros, María Reimóndez, Pemón Bouzas e Xurxo Souto. Catro presentacións que expresan o esforzo de Xerais por chegar a públicos diversos con textos singulares na excelencia sexa no eido da literatura xuvenil, o ensaio político ou a narrativa.
Comezou a tarde Rosa Aneiros que presentaba a súa triloxía Ámote Leo A., unha obra dun milleiro de páxinas que xa é un dos cumes da nosa narartiva xuvenil. Cualificou Aneiros a obra como «unha viaxe aberta en tempo real, onde aparece a superlúa que colleu a Leo no Bósforo, os acontecementos do 15 M de 2011 a morte do Bin Landen ou o atentado do Cefé Argana; a miña intención foi ir encaixando o que sucedeu no mundo naquel primeiro semestre de 2011». Salientou Rosa o carácter aberto da obra, xa que grazas ao muro de Facebook as lectoras comparten as súas viaxes e diversas mensaxes de amor. «Ler é un xogo, a habelencia pola que nos engana o autor ou á autora é unha das razóns polas que lemos. Os textos son apenas pistas para construír a lectura. É o máis grande da literatura. Pretendo que cadaquén constrúa a súa propia viaxe. Hai moito mundo por ver».
María Reimóndez presentou o seu ensaio político A alternativa xa está aquí, que definiu como «unha proposta de cambio a partir das accións do día a día». Un acto no que Reimñondez contou coa participaci´pn activa do público para ir debullando algúns dos contidos da obra: os bancos de tempos, a renda básica das iguais, as características dos GAM (Grupos de Axuda Mutua), a Declaración do París…
Pola súa banda Pemón Bouzas presentou A voz do vento que definiu como «novela sobre a crise e sobre María Soliño, unha persoa clave do imaxinario galego». Na súa intervención Bouzas abordou cada unha das tres partes da novela: na primeir ao pulo da sociedade de Cangas hai catrocentos anos, antes da invasión dos piratas turcos; na segundo a desolación tras o ataque e na terceira a rexeneración da sociedade a carago das propias vítimas que repesentan a dignidade.
Por último, pechou o serán a presentación dos Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto, que comezou lembrando os versos de Luisa Villalta, «Coruña cidade tatuada na pétrea pel do mar», e lembrando ao pintor Xaime Cabanas. Reivindicou que «Galicia non é a fin da terra, é o centro do mar, a pesar de que nunca nos falaron do mar». «Este libro é unha protesta, mais tamén é un manifesto de futuro. Non esquezamos que Galicia é a primeira potencia pesqueira de Europa e a rota mercante máis importante do mundo lame a nosa Fisterra».
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir