Onte 1053: O silencio corrompe a verdade
A carta enviada por Prolingua ao Conselleiro de Cultura e Educación sobre a triste situación da lingua galega no período (decisivo) de tránsito entre a Educación Infantil e a Primaria é unha das pezas máis clarificadoras que coñecemos sobre a desfeita que o galego está vivindo no sistema educativo tras o Decreto 79/2010. En sendo moi optimistas apenas o 15 % do alumnado galego que se incorpora á Primaria cada curso, uns tres mil picariños e picariñas, utilizou na etapa infantil o galego como lingua vehicular. Noutras palabras, o 85 % do alumnado galego chega ao comezo da Primaria –un momento decisivo para o desenvolvemento das competencias de comunicación lingüística, sobre todo as de compresión e expresión oral, como para a consolidación das aprendizaxes da lectoescritura– sen noticias sobre a lingua galega, que para eles ten un status semellante ao da lingua estranxeira, coa que si tiveron contacto escolar durante a Educación Infantil. Un período de tránsito decisivo tamén para «a persistente instalación de prexuízos e ideas falsas sobre o valor das linguas en conflito«, como denuncia a plataforma apartidaria Prolingua.
Prolingua solicita á Consellaría de Cultura e Educación a publicación dos informes establecidos no Decreto 79/2010: a avaliación e o seguimento dos proxectos lingüísticos dos últimos tres anos en cada centro, un mapa detallado de uso do galego nos centros, así como os criterios utilizados pola administración educativa para a avaliación inicial do nivel de competencia nas catro destrezas básicas ao inicio das etapas de educación obrigatoria. Como salienta este texto, os responsables da Consellaría de Cultura e Educación, que mantén abertos múltiples conflitos xurídicos e administrativos, non poden continuar mudos. O silencio sobre o que está sucedendo coa lingua galega nos centros de educación infantil urbanos, como en xeral en toda a rede de centros non universitarios, denunciado onte por Prolingua, corrompe a verdade e pon en perigo a liberdade lingüística de boa parte da cidadanía. No décimo aniversario da aprobación do Plan xeral de normalizaicón da lingua galega este texto de Prolingua é oportunísimo. Recoméndoo vivamente e solicito sexa compartido nas redes.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir