Onte 1020: Caprichos da historia
Non me pareceu unha coincidencia fortuíta, cando se cumpren tres décadas do traslado a Bonaval dos restos de Castelao e setenta e oito do referendum do Estatuto, que Feijoo no acto de entrega das medallas Castelao equiparase á Guerra Civil como «capricho da historia»; como tampouco que a presidenta de GB, tras o discurso de proclamación de Filipe VI, reaparecese nos medios cualificando a Castelao e a outros nacionalistas como figuras «xenófobas e excluíntes». Despois do acontecido en 2008 coa consigna da «imposición del gallego», acuñada pola profesora viguesa e utilizada electoralmente polo Partido Popular, agoiro que estamos diante dunha nova fase da teimosa estratexia do pensamento españolista conservador contra o Galeguismo. Desta volta, tras o éxito acadado na batalla contra «la imposición del gallego», intúo que, apelando aos valores da tolerancia e integración, abrirase outra contra a presenza das figuras do galeguismo republicano nos currículums escolares, argumentando, como xa fixo a responsable de GB, que representan «as ideas de racismo, exclusión e enfrontamento». Quedou aberta a batalla contra o «galeguismo excluínte», termo utilizado onte por Feijoo no discurso das medallas Castelao. Bo é saber estas cousas para evitar sorpresas.
Resúltame curioso eso de “españolismo conservador”…como se dicía no tardofranquismo “u-lo o progresista (españolismo)”? xa fixo abondo dano tildar a unha esquerda “galegoespañola” de españolista, para volver a usar esa dicotomía…tanto o nacionalismo galego como o nacionalismo español fixeron das súas para meternos neste enlamado patio (que nin cemento ten!)…e non hai máis que asomar o fouciño ao caso vasco para decatarse de como traballa a colaboración (involuntaria) entre os 2 tipos de nacionalismo (periférico e centralista)…así que se españolista e conservador (reaccionario, centralista…) non son sinónimos, que nos sigan collendo confesados…