Mártires de Sobredo
Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar os acontecementos de Sobredo, con motivo do seu 90 aniversario. O texto recolle unha parte da miña intervención no Campo dos Mártires.
Cumpríronse noventa anos dos acontecementos de Sobredo, na parroquia de Guillarei, cando tres persoas foron asasinadas o 28 de novembro de 1922 pola Garda Civil cando defendían a dignidade dos labradores aos que se lles esixía un lucro da terra que eles traballaban. Cándida Rodríguez, veciña da parroquia de Pazos de Reis, Joaquín Estévez Besada, veciño de Soutelo do concello de Salceda de Caselas e Venancio González Romero, dirixente agrario de San Esteban de Budiño foron as tres persoas falecidas, xunto a outras sete que resultaron feridas de bala, cando a Garda Civil disolveu a balazos unha concentración de máis de dúas mil persoas que acudiran, convocadas a golpe de badaladas e de foguetes, dende diversas parroquias de toda a bisbarra, dende o Baixo Miño, a Louriña até o Paradanta en solidariedade cun veciño de Sobredo, a quen coa presenza do xuíz e a Garda Civil lle pretendían embargar os bens por negarse a pagar o foro ao rendista tudense José Sarmiento.
Unha negativa a pagar acordada no Congreso Rexional Agrario de Tui, celebrado do 28 ao 30 de xuño do mesmo ano, no que se acordou tamén fundar a Confederación Rexional de Agricultores Galegos baixo a presidencia de Basilio Álvarez. Un boicot, asumido por 133 sociedades agrarias parroquiais, co que se pretendía rematar cuns contratos forais, propios dun réxime escravista medieval, que obrigaban aos labregos a pagar unha renda anual, case sempre á altura do san Martiño, ben en especie (millo, viño ou animais) ou en cartos, aos donos da terra que traballaban. Unha reivindicación que provocaría o 6 de novembro a detención dos membros da directiva da Sociedade Agraria de Ribadelouro, o comezo dunha posterior folga na bisbarra e a clausura de locais das sociedades.
Dende entón, os acontecementos de Sobredo de 1922 quedaron fixados como símbolo da sociedade labrega martirizada, uníndose a xeira oprobiosa doutros semellantes que se produciron nesta loita agrarista noutras localidades do país, como Oseira (1909), Nebra (1916) e Sofán (1919). Particularmente estremecedores foron os desta última parroquia do Porto do Son, onde o 12 de outubro de 1916 foron abatidas cinco persoas, catro mulleres e un home, na ponte de Cans, tamén tras unha manifestación de labregos que berraban en contra do “defís”, un tributo que impuxera o concello para pagar unha débeda contraída coa deputación. Estes acontecementos foron inmortalizados por Castelao en 1931 no álbum “Nós”, cando escribíu ao pé dunha das ilustracións: “¡Un padrenuestriño pol-os que morreron en Oseira, Nebra e Sofán!”
Dende a derradeira década do século XIX e, singularmente, na primeira do XX, constituíuse o movemento agrarista galego co obxectivo principal de eliminar os foros e trabucos que impedían a modernización do sector agrario, forestal e gandeiro e a liberación do réxime caciquil que os ateazaba. Na bisbarra baixomiñota foron pioneiras as Sociedades Agrarias de Salceda, constituída en 1897, do Porriño en 1900 e de Guillarei en 1901, presidida polo canteiro Ramón Castiñeira. O que provocaría no primeiro lustro do século pasado un rápido crecemento deste asociacionismo labrego por case todas as parroquias. O historiador Henrique Hervés Sayar sinala que as sociedades agrarias tudenses reiteraran unha serie de demandas verbo dos tributos, o que reflectía o descontento da poboación rural co sistema fiscal da Restauración.
A actitude rebelde, a solidariedade, a fraternidade, o esforzo colectivo amosado na longa loita antiforal ao longo de máis de dúas décadas conseguiron abrir unha saída política para o conflito que chegaría no mes de xuño de 1926 co decreto de redención foral do goberno de Primo de Rivera, que permitía cos labregos fosen donos das súas terras, mediante o pagamento dunha indemnización. Un sistema que custou ferro e fariña pagar a tantos dos nosos campesiños, que procuraron nos vieiros da emigración americana os cartiños para redimir os foros das terras de seu.
Coa conquista cívica da República e cos tempos de entusiasmo que suscitou, Sobredo convertiuse nun referente daquela loita antiforal e anticaciquil. O 29 de novembro de 1931 o escultor Camilo Nogueira puxo a primeira pedra do monumento aos mártires de Sobredo, que sería inaugurado o ano seguinte con motivo da celebración do décimo aniversario. Porén a intransixencia e o fanatismo fascista levou a dinamitar a obra de Nogueira no mesmo mes de xullo de 1936, coincidindo coa disolución das sociedades agrarias, o auténtico celme deste movemento a prol da dignidade campesiña. Por ventura, en 1986 celebrouse por vez primeira un encontro de lembranza daqueles sucesos e dous anos despois reconstruíse o monumento do escultor de Lavadores á dignidade campesiña. Unha cita anual que non perdeu actualidade.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir