Malos tempos para as letras
Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre a problemáticas dos autores e autoras xubilados, tras a reforma da Lei de pensións de 2012.
Non se entenden as razóns do goberno de Mariano Rajoy polas que tras a reforma da “Lei de pensións” de 2012 os ingresos dos escritores e escritoras por dereitos de autor e outras actividades profesionais, se superan o importe do salario mínimo interprofesional (hoxe arredor de 9.000 euros), son incompatibles coa percepción dunha pensión de xubilación. Dende a aprobación desta norma, promovida polos ministerios de Facenda e Emprego e Seguridade Social, os narradores, poetas, dramaturgos, ensaistas, científicos, investigadores están obrigados a renunciar a un dos dereitos que lle son propios: ou ben o da xubilación ou ben o das regalías que polas súas obras reciben anualmente dos seus editores. Obrígaselles a escoller entre o dereito a percibir unha pensión de xubilación que, tras desempeñar unha actividade laboral por conta allea ou despois de contribuír durante décadas ao réxime de aútonomos acáelles como calquera outro cidadán, ou a percibir as cantidades que lles corresponden como propietarios dos dereitos de explotación comercial dunha obra literaria, musical ou visual da que son autores ou autoras ao longo de toda a súa vida, protección que se alonga aos seus herdeiros e herdeiras durante setenta anos despois do seu pasamento.
Esta decantación entre pensión ou dereitos de autor é inxusta, xa que ningún cidadán pode ser obrigado a renunciar aos seus dereitos cívicos ou a propiedade dos seus bens. É, ademais, inxustificable, xa que esta incompatibilidade non existe noutros países da Unión Europea, onde é posible acumular o cobro da pensión de xubilación coas cantidades que os autores e autoras puidesen recibir pola súa actividade literaria ou artística (dereitos, premios, artigos, informes e conferencias). Como tamén resulta discriminatorio que para estes pensionistas da literatura, das artes e de todo o sector creativo se estableza un límite máximo para os seus ingresos artísticos, mentres non existe límite ningún para outras cantidades que puidesen percibir eles (como calquera outro pensionista) por intereses bancarios, alugueiros de pisos, rendas inmobiliarias ou rendementos do capital mobiliario. Discriminación que chega á máis aberta incoherencia cando esta incompatibilidade parece que non afectaría aos ingresos que puidesen percibir por dereitos de autor os seus herdeiros, o que alenta aínda máis a sospeita entre os membros dos diversos sectores da creación de que se trata doutra medida exemplarizante do goberno de Rajoy co tan “antipático sector da Cultura”.
Xaora, co argumento “incuestionable” das políticas de consolidación fiscal, que xustificaron todo tipo de recortes das políticas públicas, na pasada lexislatura retrocedéronse moitos anos nas políticas culturais en España. O polémico Wert non só pasará á historia por aprobar a LOMCE, sen contar co apoio da comunidade educativa, senón tamén por ser o primeiro ministro de Cultura que suprimiu a partida orzamentaria destinada a apoiar ás Comunidades Autónomas non seus programas de adquisicións de fondos para as bibliotecas públicas. Unha medida que deixou todo o esforzo dotacional en mans das CC.AA., mais que provocou a redución das adquisicións anuais nunha media cercana ao 8%, o que causou unha inevitable desactualización das coleccións. Un recorte inconcebible en calquera outro país da Unión Europea, onde se considera a rede de bibliotecas como un servizo básico, mais comprensible para quen considera a Cultura apenas como un reclamo turístico da chamada “Marca España”, abandonando o seu carácter de política pública esencial para promover o benestar, a convivencia e a diversidade cultural. Abonda con consultar os Orzamentos Xerais do Estado deste 2016 para comprobar que despois de cinco exercicios o sector cultural, con especial incidencia o do libro e a da lectura, continúa sendo obxecto dos máis duros recortes.
Estes recortes nas dotacións de bibliotecas, como as dificultades que se lle poñen aos profesionais da creación maiores de 65 para continuar a súa actividade, abondan nese dano colectivo, silencioso e profundo, sobre unha sociedade onde se minusvalora cada vez máis o papel das artes e das letras e se pretende prescindir da experiencia, madurez e sabedoría dos seus creadores maiores. Agardemos que o novo Goberno sexa capaz de recuperar o pulo da política cultural, abrindo un proceso de diálogo con todas as CC.AA. para volver dotar as bibliotecas públicas. Como esperamos acorde con todas as asociacións autorais (de escritores, músicos e artistas visuais) unha solución xusta para as persoas que ao remate da súa vida laboral activa pretendan continuar ofrecendo a súa achega ao acervo cultural e científico-tecnico da nosa sociedade. Este devalo para a cultura pode e debe ser evitado.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir