Inauguración da Cidade da Cultura

O acto de inauguración da Biblioteca e do Arquivo de Galicia, que suporá tamén a apertura ao público  da Cidade da Cultura a partir de mañá, amosou a profunda fenda que nesta lexislatura se abriu na política galega.

Resultoume incomprensible a ausencia no acto dos membros do BNG, o partido que tivo a principal responsabilidade durante o seu período de goberno na construción e finalización de ambos os dous edificios inaugurados esta mañá, así como en imprimir un maior pulo ao desenvolvemento do proxecto ideado por Manuel Fraga e Xesús Pérez Varela. Só polo respecto que merece o traballo desenvolvido por Ánxela Bugallo e polos membros do seu equipo ao longo de catro anos nesa dificilísima tarefa, a dirección do BNG debeu ter asistido a un acto ao que acudiron membros dos máis diversos sectores da sociedade e da cultura de noso. Unha presenza protocolaria que non impediría o lexítimo exercicio de crítica aos contidos e a forma de xestión escollida para a CdC por parte do actual Goberno Galego. Outrosí sucede coa ausencia de Emilio Pérez Touriño, o ex-presidente da Xunta, que sempre defendeu a continuidade do proxecto.

Resultoume desafortunado que Alberto Núñez Feijóo aproveitase o seu protocolario discurso inaugural para incluír con sutileza a Camilo Jose Cela na historia da literatura galega, ao citar que nesta «biblioteca poderán consultarse os manuscritos do único premio nóbel da literatura galega», un comentario que con certeza non asumirían ningún dos nosos membros da Real Academia Galega nin o profesorado de literatura galega das nosas tres universidades.

Con todo, para min o máis abraiante do acto sucedeu xusto ao remate da interpretación do himno galego por parte do Coro Gaos, que foi acompañado pola gaiteira Cristina Pato. No momento de acometer «nazón de breogán» os coristas (por un razón para min descoñecida) fixeron a omisión da palabra «nazón». Non sabería chamar doutra maneira a ese pianissimo tan suaviño e tan inintelixible para describir como acometeron o sintagma pondaliano, unha elipse coincidente cun tiro da gaiteira ourensá. Unha situación corrixida ao remate do acto por un berro cívico de «nazón, nazón» pronunciado por un dos convidados. Un berro, sen dúbida, moi oportuno, xa que o Arquivo e a Biblioteca de Galicia hoxe inaugurados, como toda a Cidade da Cultura, deberán estar ao servizo da nazón, da súa lingua e da súa cultura. Eis o primeiro criterio para xestionar un proxecto para todos os galegos e as galegas que, a pesar do seu enorme custo de construción e mantemento (cifras que se deberían facer públicas), non pode de maneira ningunha hipotecar o futuro do resto das políticas culturais públicas. Facer compatibles ambos os dous criterios non vai ser doado, razón pola que os responsables deste traballo ben merecen, ao inicio do seu camiño, os nosos mellores desexos de éxito.

17 comentarios
  1. Costeleta
    Costeleta Dice:

    O que hoxe hai na Cidade da Cultura non ten NADA a ver co que deseño que fixo o BNG desde a Consellaría, absolutamente nada. De aí o seu boicot. E francamente, vendo o o plantel de autoridades presentes e o desprezo (un máis) ao noso himno e a nosa cultura por parte do PP, fixo vén en non ir. E ti deberías ter feito o mesmo…

  2. Xabier
    Xabier Dice:

    Costeleta, o boicot bloqueiro é efectivamente unha mostra de dignidade. Non sei se alguén a aprezaría fóra da oficina de Rodríguez de Viguri, iso si. Neste momento de suba espectacular do BNG, o mellor é priorizar a dignidade sobre a responsabilidade política —parou o BNG o proxecto?— e sobre a visibilidade.

    Como dicían Os Diplomáticos: primeiro orgullo, despois o bandullo… Oh, wait!

    Brétemas: ti que estiveches alí… cres que é posible que o evento fose simplemente un desexo de Crsitina Pato (ou quen fose) de facer un solo de gaita, e non atopara mellor sitio?

  3. unquepasaporaquí
    unquepasaporaquí Dice:

    Na gravación do acto, que se pode consultar en agalega.info, escóitase perfectamente o “nazón de Breogán” cantado polo coro no lugar onde debe cantalo.

  4. xomabepo
    xomabepo Dice:

    unquepasaporaquí, e en que video e en que momento di vocé que se escoita ao coro dicir “nazón de Breogán”, é que hai tanta información sobre o acto…

  5. unquepasaporaquí
    unquepasaporaquí Dice:

    pois no programa A Revista de onte pola mañá, que retransmitiu o acto en directo a partir da intervención de Feijóo, aí contra á unha da tarde.

  6. xomabepo
    xomabepo Dice:

    correcto, a primeira vez si din “nazón de breogán”, mais despois tamén é verdade que substitúen o de “nazón” por “pirulí de breogán”, non saberia dicir si x cuestións políticas ou de limitacións interpretativas

  7. Franco Vicetto
    Franco Vicetto Dice:

    O que se cantou no Gaiás foi a versom oficial do Hino arranjada por Maximino Zumalave em 2008: http://t.co/qZSluDs

    Ninguém parece lembrar que a Junta de Galiza –naquela altura governada por PSOE e BNG– tivo que encomendar essa nova versom do Hino porque um espabilado cobrava direitos de autor pola orquestraçom da versom anterior.

    Na nova versom oficial, a palavra “naçom” nom se omite; simplesmente nom se repete. Pode ser discutível musical ou politicamente (nom disponho agora da partitura original de Veiga), mas desde logo nom é imputável aos impresentáveis que nos governam agora. Estas polémicas absurdas só os beneficiam a eles.

  8. alfonso
    alfonso Dice:

    otra vez a decir lo mismo. no se para que se habla de musica sin saberlo. en la interpretacion del himno, la coral termina con a redenzon da boa nazon de breogan, que es como acaba de siempre el himno gallego. luego para terminar, la gaita toca, y el coro responde de breogan. no se si habreis escuchado alguna vez una interpretacion del himno gallego, pero la ultima estrofa es siempre:
    mais onde quer xigante
    a nosa voz pregoa
    a redenzon da boa
    nazon de breogan
    de breogan
    de breogan
    yo por lo menos nunca lo he escuchado de otra manera

  9. Mirinho
    Mirinho Dice:

    Xa estaba eu póndome de mil cores pola desfachatez de cambiar o hino, xa estaba eu botando pestes contra Cristina Pato… ata que vin na web da tv galega a interpretación.

    E agora é cando teño que dicir que nada ten que ver Cristina Pato, nen o coro, nen nada de nada…

    Foi a interpretación oficial do hino oficial. Pódese ver información sobre isto na web da asociación de gaiteiros galegos, onde se pode descargar a partitura oficial:

    http://www.gaiteirosgalegos.com/index.php?option=com_content&view=article&id=660:himno-de-galicia:-partitura-oficial&catid=27&Itemid=18

    Tamén se pode ver unha interpretación da orquesta sinfónica de Galicia do ano 2008:

    http://www.youtube.com/watch?v=J8d4iNR6cF8

    Ás veces queremos ver cousas onde non as hai… Isto comeza a ser un pouco paranoico (eu inclúome!)

  10. Icabano
    Icabano Dice:

    Manuel de acordo cos teus comentarios pero en canto a Cela, que ademais si é galego, e a democrática RAG coas súas momias autopromocionadas non podo estar de acordo. En canto o hino galego pola nosa banda non o cantou ninguén e algun aproveitono para teclear no seu artefacto movil. Deixeimos os formulismos e fagamos unha critica en profundidade. Se pode facer mellor. Apertas.

Trackbacks y pingbacks

  1. […] relato de Manuel Bragado no seu […]

  2. […] This post was mentioned on Twitter by Manuel Bragado. Manuel Bragado said: «Inauguración da Cidade da Cultura», anotación crónica no blog, http://bretemas.blogaliza.org/2011/01/11/inauguracion-da-cidade-da-cultura/ […]

Los comentarios están desactivados.