Festas fracas
No artigo da semana volvo sobre a miña teima coa calidade do programa das festas de Vigo. A pesar do concerto dos Arctic Monkeys (gustei moito desta actuación en Castrelos dos indies de Shiffield) e do ciclo de cine ao aire libre Realidade 07, a liña continuista e rutineira do programa é decepcionante. Non entendo, tampouco, a teimosía do novo goberno de coalición de chamalas “Festas do Cristo”, un nome relixioso que non ten tradición ningunha en Vigo. Non perdo a esperanza de que poidan mudar de orientación o videiro ano.
Non me gustaría ser inxusto ou inmodesto, pero posiblemente as mellores festas urbanas sexan a día de hoxe as do San Froilán en Lugo. O seu poder de atracción vén de lonxe, pero a partir do 1999, cando se fixo cargo da concellaría de cultura Ignacio Rodríguez Eguíbar, estableceuse un modelo exitoso que marcou pauta.
O modelo non é moi complicado de explicar: matriz popular e galega (un dos maiores atractivos do SF, de vello), manter as barracas (atraccións de feira) no centro da cidade e as casetas do polbo a carón; actos deportivos, aínda que con menos relevo ca hai décadas; oferta cultural de certa relevancia e con personalidade; un programa musical variado, con base en tres escenarios ao aire libre -en prazas públicas- e moitos concertos, sobre todo dirixidos aos mozos; xaora, seguiu habendo Misa do Santo, especial relación coa cidade de Ferrol, etc, e habilitouse unha Feira Medieval no adro da Catedral.
O programa musical foi o que máis sorprendeu, pola variedade: moita música galega; grupos sorprendentes, que por veces concitaban máis asistencia vida expresamente de fóra ca luguesa: Rinoçerôse, Orquestra Nacional do Barbez…; grupos e intérpretes non de masas, pero con reclamo: Amparanoia, La Mala Rodríguez, Heredeiros da Crus, Los Suaves…; sempre algunha figura de éxito no propio ano, aínda que non das máis caras: no 99 Raúl e Estopa, despois Álex Ubago…; o último día da festa, como derradeiro acto antes da verbena, o concerto dun cantautor xa consagrado e cuns aniños: Lluís Llach, María del Mar Bonet, Paco Ibáñez…
Había críticas, claro: a falta dunha “gran figura”: Paulina Rubio, dicía certo responsable anterior da organización das festas; os da Operación Triunfo, suxeriron máis tarde; e certo ano Cacharro trouxo pola súa conta a Julio Iglesias ao Pavillón dos Deportes cando o programa oficial tiña a Luar na Lubre na Praza de Santa María. Pero o modelo non só foi exitoso, senón que a pauta se mantivo co cambio de dirección política; coa diferenza, iso si, da perda de calidade na produción e un preocupante vir a menos no que é máis tradicional (bastante menos música galega, incluídos os grupos de gaitas) e a animación de rúa nos días soltos.
A clave do modelo: a produción e programación musical, no inicio e os promeiros anos, correu por conta dun gran profesional, Xosé Manuel Blanco.
É raro o político que entende de todo; un profesional é un profesional. O político que marca uns obxectivos, escolle ben os xestores e os deixa traballar consonte os obxectivos que el marcara, ten posibilidades de acadar un bo balance. Se non, en materia de festas é ben posible que teñan presenza desproporcionada xornadas gastronómicas e números non necesariamente sen interese, pero nada atentos á novidade.
E en efecto, o programa das festas viguesas, que ao non vivilas non podo avaliar, suxire bastante do último. Sinto alguha mágoa, non só Vigo é cidade estimada e a maior do país: aínda lembro un concerto dos Calchakis, en Castrelos, vai camiño dos trinta anos; ou algo máis tarde e non polo verán, cando Mikis Theodorakis botou o “Canto General” nas Travesas. Era daquela vangarda, novidade, números de primeira liña internacional. Que volvan. E perdón pola longura.
Moitas, moitas grazas, Lugués pola túa achega. Eu admiro tamén o San Froilán. Un modelo que deberían estudar os responsables nacionalistas de Vigo.
O máis irónico do caso é que non poden xustificarse con que era cartel xa feito polos anteriores, porque o entusiasmo amosado polo concelleiro de festas (acompañado polo ubicuo Santiago Domínguez) na presentación (coa insólita apropiación de boa parte dos festexos) non deixa marxe ás excusas: semellaba que el mesmo trouxera aos monos árticos, que son, todo hai que dicilo, electrizantes. Mesmo mudaron un par de cousas, sen máis sentido có de proporcionar unha especie de aureola de galeguidade mal entendida que, polo que puiden ver noutros foros nacionalistas, non foi moi ben recibida.
En todo caso, coa excepción do san Froilán que é outra cousa, por riba do ben e do mal, haberá que repensar o concepto de festa de verán en Vigo e en moitas cidades onde o ocio case cotián que dura todo o ano fai difícil a celebración dunha festa senlleira e distinta. A falta, por exemplo, dun espazo central onde levar a termo as actividades (o espallamento por toda a cidade, moi loubable como xeito de abranguer a toda a cidadanía, non resulta), complica o éxito.
E, por suposto, eu que son neovigués (vin hoxe o de neofalante e copio sen disimulo) o de chamarlles Festas do Cristo fáiseme moi duro.
Amigo Lugués: para o domingo das mozas ao mellor estaremos por alí.