En clave de país
No artigo da semana en Faro de Vigo valoro o que entendo supuxeron os dous primeiros anos da lexisltura de Feijóo, ao tempo que reclamo unha acción política en clave de país.
É unha mágoa que Alberto Núñez Feijóo durante os dous primeiros anos do seu goberno non fose máis afouto e intentase meterlle o dente a algunha das cuestións claves para o futuro do país e do seu autogoberno. Pola contra, dende os primeiros días, quedou clara que a súa intención era moito máis modesta, prefería presentarse diante da prensa madrileña e dos seus think tank conservadores como cabezaleiro dun novo estilo de goberno liberal baseado na austeridade da xestión, na refundación á baixa do estado das autonomías e nunha política de comunicación moi combativa coas actuacións dos gobernos progresistas. Esta estratexia de patriotismo de partido, acuñada polo equipo de Feijóo en todos os estamentos da Xunta de Galicia, é a que explica o feito de que o Goberno de España, os gobernos bipartitos dos concellos das cidades e os das dúas deputacións do norte, sen menoscabo da cortesía institucional protocolaria, fosen considerados como inimigos a batir dende a actuación do goberno autonómico.
Durante o primeiro ano da lexislatura, Feijóo escolleu a lingua como tema estrela para desenvolver a súa estratexia. Amparado no resultado electoral e asumindo un confuso discurso de cambio social, modificou de forma unilateral as políticas de fomento do uso do galego, amosando así que non lle intimidaba xebrar os consensos forxados en tres décadas de autonomía sobre a lingua nin promover un proceso deconstrutivo sobre a cultura e educación acuñadas en galego. Medidas apupadas decontado polos faladoiros conservadores capitalinos, onde gañou gran popularidade, e adoptadas, no caso do decreto de plurilingüismo, apenas para conformar os desexos dun moi minoritario sector negacionista da lingua propia, ao que a maioría abrumadora da sociedade galega ignora.
Diante do inevitable proceso de reestruturación do sistema financeiro, Feijóo centrou as angueiras políticas do seu segundo ano de goberno en facilitar a fusión das caixas. Este é, sen dúbida, o seu maior acerto desta primeira metade de lexislatura e onde actuou de forma máis autónoma. Un éxito que podería estragarse se nesta segunda onda privatizadora, promovida outrosí polo Banco de España e polo goberno central, Novacaixagalicia desaparece como entidade ao servizo de Galicia, amputándose así unha das competencias do autogoberno, recoñecida no Estatuto de Autonomía de Galicia. A decisión do Tribunal Constitucional de suspender de forma cautelar a aplicación do catálogo de medicamentos, que restrinxe os fármacos sufragados pola sanidade pública galega, unha medida que defende o autogoberno e a súa viabilidade financeira, impide a Feijóo anotarse un dos escasos éxitos de xestión dun goberno que a mantenta quixo de perfil baixo.
Galicia non foi allea aos efectos da crise económica neste tempo. O número de desempregados achégase xa ás 250.000 persoas (a cifra máis alta da nosa historia), increméntándose en máis de 40.000 as persoas desocupadas con respecto ao inicio da lexislatura. Cifras alarmantes, sobre todo as da poboación moza onde se poden acadar porcentaxes de desemprego superiores ao 30%. O número de ERES no sector da industria, no comercio e non servizos desbocouse no último ano. As proporcións da actual onda emigratoria xa non poden ocultarse, sobre todo entre os sectores mellor formados, como os dos postgraduados. Non son máis alentadoras, tampouco, as taxas de crecemento que, segundo o máis recente informe de Funcas, están situadas en Galicia por baixo da media do Estado; sendo, ademais, a nosa unha das tres comunidades que máis incrementa a súa ratio de débeda en relación co PIB, o que nos agoira que teremos serias dificultades (máis recurtes) para saír do longo túnel da crise. Datos que amosan a existencia dunha fenda considerable en Galicia entre a actividade da súa clase política e o deterioro da realidade económica e social que sofre a súa cidadanía.
A Xunta de Galicia non pode agochar que vivimos un dos peores momentos da historia da Autonomía. Galicia precisa hoxe máis que nunca dun goberno e dunha oposición que actúen en clave de país, capaces de acadar consensos potentes nos temas claves para o noso desenvolvemento e benestar: a reforma estatutaria, a organización do territorio e da administración, o sistema de financiamento, a modernización do noso sistema produtivo ou o fomento da nosa lingua e da nosa cultura como espazos de encontro de todos.
Non son moi optimista que isto se poida conseguir no que resta de lexislatura, xa que o Goberno de Feijóo continúa obsesionado por acadar a remuda nas cidades e contribuír á chegada de Rajoy á Moncloa; estratexia á que non é allea, tampouco, a febleza dunha oposición sen liderados sociais sólidos, incapaz nestes dous anos de ofrecerse como alternativa sequera verosímil.