De osos e dinosebes
No artigo da semana de Faro de Vigo propopoño que sexan retirados da Porta do Sol o oso polar e as dinosebes.
Cada vez que paso no vitrasa pola porta do Sol, fágoo polo menos dúas veces ao día, agardo que os responsables do concello xa retirasen o osiño de escumillón. Pasados os reis, fixérono decontado cos pingüíns e coa árbore iluminada de 28 metros, máis alta co Sireno, pero descoñecemos as razóns polas que continúa alí o oso polar, a figura preferida este nadal polos nosos pequenos, responsable de que as dinosebes no seu segundo nadal ficasen xa no ostracismo. Nada doutro xoves, xa que os vigueses e viguesas, mesmo os máis novos, somos así de ingratos e devecemos por deitarnos nos brazos das novidades.
En todo caso, rematadas as festas xa non pintan nada alí o simpático barrigolas nin tampouco o carrusel de fantasías chantado diante da fachada edificio Galoya, construído polo arquitecto Romualdo Madariaga en 1934, como un dos símbolos do Vigo moderno. As crianzas deben aprender que cada tempo ten o seu afán, os seus ritos e as súas festas. E alá foron as festas do ano novo coas súas saudades e enchentes. Agora o que toca é traballar duro e preparar os días (tamén fríos) de Entroido, cos seus disfraces e larpeiradas.
Xaora, semellaría que diante dos problemas que vivimos en Vigo, dende as dificultades para recuperar os niveis de emprego industrial e actividade portuaria e pesqueira, as taxas elevadas de precariedade dos empregos das persoas novas, as dificultades das persoas maiores e dependentes, até a incapacidade dos partidos de dialogar e poñer a funcionar a área metropolitana, falar da instalación de osiños e dinosebes na Porta do Sol é unha frivolidade. É a verdade que o sería se non fose que estas figuras de vontade efémera están conformando ás caladiñas unha nova paisaxe urbana, nun imparable proceso de frivolización, que moito renxe nunha cidade noutrora modelo de innovación artística urbana.
A política de chantar dinosebes por Vigo promovida por Abel Caballero, tanto me ten que sexa na Portal do Sol que no barrio de Navia, ben pouco ten que ver coa que promoveu hai vinte e cinco anos o concello sendo alcalde Manuel Soto que dunha tacada o fixo con catro esculturas do máximo nivel, o Sireno de Leiro na Porta de Sol, os Cabalos de Juan Oliveira na Praza de España, os Redeiros de Ramón Conde ao comezo da Gran Vía e a porta do Atlántico de Silverio Rivas nas Travesas. Catro pezas e grupos escultóricos que co paso do tempo foron integrándose como parte da paisaxe urbana, asumidas pola cidadanía, despois da imprescindible confrontación de pareceres e preferencias, en iconas do Vigo de fin de século.
Proceso que recuncou en 2001, sendo alcalde Lois Castrillo, cos tres elementos do grupo escultórico de Leiro Bañistas no Areal, situados na Laxe e na praza da Estrela, no marco da actuación Abrir Vigo ao mar. Outro tanto pasou en 2006 cando a alcaldesa Corina Porro ubicou no paseo de Afonso, ao pé da oliveira, o grupo escultórico co que Xaime Quesada homenaxeaba aos trobeiros do mar de Vigo ou recuperou a Farola de Jenaro de la Fuente para Urzaiz, un espazo de encontro que tantas veces temos solicitado se bautice como praza de Galicia. Cada unha destas pezas artísticas precisaron do debate cidadán para integrarse na memoria colectiva e transformarse en pezas do noso orgullo.
Debate que se repite agora cos murais e graffitis en medianeiras promovidos polo equipo de Abel Caballero que, ademais de tapar moitas das vergonzas e desfeitas do urbanismo vigués das últimas décadas, ofrecen unha xanela para a expresión da arte urbana do século XXI, con pezas máis ou menos afortunadas, algunhas para min excepcionais como, entre outras, as Kermesses de Antón Pulido na praza de Peniche, as mutacións celestes de Liqen en Hispanidade ou os rapaces de Lula Goce na curva de San Gregorio. Un programa municipal de muralismo, “Vigo cidade de cor”, que por ventura, finalizada a súa segunda quenda de proxectos, conta cunha nómina de artistas diversos, tanto no que atinxe as técnicas utilizadas, as súas expresións e temáticas, como as súas idades e procedencias, homologable asía a experiencias de arranxo urbano desenvolvidas noutras cidades coa intención de humanizalas e darlle posibilidades de expresión aos seus artistas.
Non hai dúbida que o oso barrigolas e as dinosebes, por moi populares que sexan nos tempos das autofotos, deben ser retiradas da porta do Sol e consideradas como pezas efémeras da nosa paisaxe urbana, características dun tempo de confusión. Chantar as raíces das dinosebes nun dos xardíns, como o Castro, Castrelos ou A Guía, como sucede noutras cidades, sería a súa oportunidade para incorporalas á memoria da cidade. Un exercicio de realismo que ben lle acaería a este Vigo de estrépito.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir