Cidade guindastre
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da posta en funcionamento do megaguindastre de Guixar, propoño unha reflexión sobre a definición de Vigo.
Sen menoscabo do respecto que merece a denominación tradicional de Vigo como “cidade da oliveira”, presente no escudo da cidade e que remite, con certeza, a súa condición de porto corsario no século XVIII e celme liberal no XIX, os escritores con inquedanza viguesa teimaron en atopar dúas ou tres palabras para condensar a complexa alma viguesa. Un sintagma ou frase capaz de expresar de forma fidedigna e emotiva ese esforzo colectivo dunha comunidade humana asentada sobre o formidable anfiteatro da ría, vinte e cinco quilómetros de beleza inquedante dende as Cíes até o esteiro do Verduxo, transformada en apenas dous séculos en moderna sociedade urbana posuidora dun pulmón e dunha capacidade para enxergar o futuro (sempre incerto) moito máis potente co das súas élites dirixentes, especialmente as políticas. “Volcán de dinamismos”, “abella da ribeira”, “cidade, puro milagre”, “cidade, de xenerosidade escueta”, “cidade teorema”, “cidade revolcada”, “milagre do mar”, “Barcelona atlántica”, “San Francisco atlántico”, “o porto dos portos”, “cidade pedramol”, “cidade en bisbarra”, “músculo cívico de Galicia”, “cidade de sal”, “serea pétrea”… foron todas elas expresións literarias afortunadas desta procura dunha definición superadora daqueloutra retórica que se contén no título outorgado hai douscentos anos por Fernando VII como “cidade fiel, leal e valorosa”.
Coa maior humildade, atrévome a expresar tamén a miña proposta. Creo que hoxe o sintagma máis operativo para Vigo é o de “cidade guindastre”. Dúas palabras nas que se resume tanto o seu carácter de cidade portuaria atlántica coma a súa condición de célula industrial e obreira de Galicia, vinculada coas actividades pesqueiras e da construción naval ao longo dos últimos cento cincuenta anos. Guindastre portuario, por suposto, presente na iconografía viguesa de comezos do século XX, dende a aparición do primeiro guindastre a vapor no peirao de ferro, o desaparecido pola terrible galerna de 1922. Guindastres portuarios que aparecen xa como emblemas das primeiras imaxes das avenidas de Montero Ríos e Beiramar, tras a ampliación do porto realizada polo enxeñeiro Eduardo Cabello, presentes nos álbumes e catálogos de Vigo publicados polo editor P.P.K.O. en 1927. Primeiros guindastres de Guixar, moi esbeltos, cuxa fasquía metálica lembra ao dunha pequena torre Eiffel de base máis estreita, retratados como símbolos de progreso e modernidade polo fotógrafo “amateur” Manuel Morgado, “estampas” dun Vigo en transformación e efervescencia permanente, que chegou a ser definido como “proa dun continente”.
Os guindastres foron dende a década de 1930 as pezas principais da imaxe porto e do “sky line” da propia cidade, iconas das actividades portuarias realizadas dende os antigos areais de Guixar aos coianos de San Gregorio, dende os peiraos de graneleiros ás gradas de Barreras e Freire. A potente lixeireza dos guindastres xogaba coa pesada arquitectura móbil dos transatlánticos da Estación Marítima, unha danza mecánica engaiolante cuxa contemplación consumiu moitas horas da nosa infancia e que conservamos na memoria. Como lembramos a admiración que tiñamos pola maña do grueiro, aquel home misterioso pechado na súa cabina, capaz de mover con asombrosa facilidade as cargas máis estrañas e pesadas. Como recuperamos a lembranza da beleza daqueles vellos guindastres dos estaleiros de Barreras, do que se conservan unha parte nunha das rotondas da Beiramar, que se movían ao ritmo dos asubíos da fábrica.
A mobilidade dos guindastres é o sinal de actividade (traballo), como a súa renovación constante amosa que isto (felizmente) non se para. Os vigueses fomos educados a admirar a beleza da silueta dos guindastres, máis tamén a interesarnos polas súas características, que van modificando a nosa paisaxe urbana da beiramar. Durante os anos noventa aqueles guindastres de pluma, que corrían polos peiraos de Guixar, foron substituídos polas Paceco, estruturas pórtico capaces de mover con precisión case milimétrica os contedores. Anúnciase agora a chegada dunha nova xeración destas máquinas. Eis a inevitable expectación suscitada pola próxima posta en funcionamento do megaguindastre “Super Post Panamax”, tamén, no peirao de Guixar. Un formidable artefacto vermello de aceiro, que entrou maxestoso pola ría hai meses remolcado con outros tres xemelgos, capaz de reducir os tempos de estiba e de mellorar a competitividade do noso porto. O incrible do caso é que a silueta deste megaguindastre lembra a daquel primeiro instalado en 1927. Voltas do azar e da memoria para unha cidade guindastre, para unha cidade que ten vontade de continuar construíndo buques que deixen o ronsel do traballo de Vigo polos mares do mundo enteiro. Benvido este “Super Post Panamax”, guindastre que aventuro axiña será bautizado polo xenio popular dos vigueses.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir