Onte 779: Retoques na LOMCE
Á última hora, no trámite do Senado, o Partido Popular (presionado polos seus conselleiros de Educación de diversas comunidades, entre elas Galicia, agobiados polas dificultades de financiamento) decidiu abrir a man e introducir algúns retoques na LOMCE. Modifícase o calendario de implantación, alongándose a tres anos e adiando un curso o inicio na ESO, Bacharelato e FP; renúnciase a darlle máis peso á relixión nas ensinanzas non obrigatorias; e suavízase a redacción da obrigatoriedade de ofrecer unha alternativa en castelán nos modelos de inmersión lingüística. Mudanzas que pretenden maquillar un texto que sen dúbida continuará sendo rexeitado pola oposición e pola maior parte da Comunidade Escolar. En todo caso, non nego que como editor educativo o alongamento do calendario de implantación a tres cursos e o adiamento até 2015 do inicio nos cursos impares de Secundaria supón un alivio, xa que a esta altura descoñecemos tanto a estrutura como os contidos do currículum. Non é posible editar materiais didácticos de calidade ás cegas, sen currículum nin fundamentación didáctica específica nin modelo de interoperabilidade para os recursos didácticos dixitais. Ábrese así a segunda fase do proceso de reforma educativa, a que corresponde ao seu desenvolvemento curricular e organizativo polas diversas comunidades autónomas. Agardo que en Galicia a consellaría de Xesús Vázquez o faga coas maiores doses de información transparente, axilidade e interlocución con todos os sectores implicados.