Poema de hoxe 128: “A xoaniña andeira” de Anisia Miranda
Sobre o lombo do regueiro
navega unha xoaniña
nunha folla de salgueiro.
Anisia Miranda, Cantarolas (Xerais, 1995)
Poema de hoxe 128: “A xoaniña andeira” de Anisia Miranda/en Autores, Literatura infantil e xuvenil, Poema_de_hoxe, Poesía, Xerais/por bretemas
Sobre o lombo do regueiro
navega unha xoaniña
nunha folla de salgueiro.
Anisia Miranda, Cantarolas (Xerais, 1995)
Poema de hoxe 127: “As doce e sereno” de Manuel Guede/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía, Xerais/por bretemas
Son terribles e sabias as fotografías:
nunca regresan con nós ó lugar dos sucesos.
Manuel Guede, As doce e sereno (Xerais, 2000)
Preparando onte unha intervención sobre Manuel María, que farei a vindeira semana, din con este retrato magnífico do poeta que lle fixera en 1994 Xosé Abad naquela colección titulada «Retrato Autorretrato». Unha proposta experimental na que a persoa fotografada escolleu os elementos da súa preferencia que compoñen a obra final. Manuel María optou por decorar o fondo caligrafando un seu autorretrato que escribira en 1956 e debuxando un «anxo da terra Chá». Un documento artístico hoxe moi esclarecedor que pode constituír un excelente recurso didáctico nesta Semana das Letras.
TESTEMUÑA
Estou entre a néboa, eiquí en Galiza.
Non teño dornas para navegar o mar
que peta en min, mouro e terrible.
Profesei de galego dende neno
na miña Terra Chá senlleira e longa.
Por sucos teños as miñas veas
unha soidade ferida por semente
e por terra cativa este meu corpo
feito de arxila fleve e pecadora.
Dos meus escuros beizos estas verbas
que anceian voar coma paxaros
polo ceo pequeno de min mesmo.
Agardo, ano tras ano, pola rosa
que ten de agromar fermosa e branca
para xustificar así a miña vida
escura e caladiña baixo o vento
sutil e misterioso da saudade.
E falo decote nesta música
na que canta Galiza dende sempre.Manuel María
1956 (Copia manuscrita de 1994)
Foto de Xosé Abad. (Mil grazas)
Poema de hoxe 126: “Voces” de Martín Veiga/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Agora sabemos que o mar ten moitas voces
Martín Veiga, As últimas ruínas (Espiral Maior, 1994)
Poema de hoxe 125: “De palabras (V)” de Xosé Manuel Millán Otero/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
e amarás canto nomees canto alces
como un froito ante a luz como unha ofrenda
Xosé Manuel Millán Otero, As palabras no espello (Ediciós do Castro, 1995)
Poema de hoxe 124: «O dano desexado», Anxos Romeo/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía, Xerais/por bretemas
quero chuvia pra enfriar a dor
e sal pra morder
Anxos Romeo, Ollos de sal (Xerais, 1998)
Poema de hoxe 123: «Fui eu, madr’, en romaria a Faro con meu amigo», Johan de Requeixo/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Fui eu, madr’, en romaria a Faro con meu amigo
e venho d’ el namorada por quanto falou comigo.
ca mi xurou que morriapor mi; tal ben mi quería!
Johan de Requeixo, «Fui eu, madr’, en romaria a Faro con meu amigo» (Século XIII)
Participamos no mediodía de onte nun debate organizado no edificio Cambón de Vigo pola Fundación Premios da Crítica Galicia sobre a cultura galega a través das 38 edicións destes premios que se veñen celebrando de forma ininterrumpida dende 1978. Hora e media ben cumprida de reflexión onde compartimos palabra con Bieito Ledo, presidente da Fundación e fundador dos premios, coa escritora Inma López Silva e con María Xosé Porteiro e Xosé María Palmeiro, mestres do xornalismo galego. A pesar do inevitable aroma de melancolía que supuxo facer balance e ollar cara atrás, todos os cinco intervinientes compartimos a necesidade de afrontar mudanzas profundas, tanto nas formas de comunicación como nos contidos do que entendemos por «cultura galega».
Inma López Silva ocupouse de analizar as modalidades dos premios relacionadas as Artes Escénicas, primeiro como Ciencias e Artes da Representación e dende 2011 como Artes Escénicas e Audiovisuais. Para a profesora da ESAD dende 1979, ano no que foi premiado o grupo Troula, «os Premios da Crítica Galicia foron unha radiografía do teatro galego e do mundo do audiovisual». Salientou entre os premiados Mamasunción (1985), Antón Reixa (2001), o Equipo técnico e artistas galegos de Mar adentro (2005), Nova Galega de Danza (2009) e as últimas edicións onde foron premiadas compañías que están renovando o teatro galego actual, Chévere (2011), Voadora (2013) e A Panadaría Teatro (2015). Rematou Inma lembrando o premio outorgado en 2012 a Xosé Manuel Olveira «Pico», «que foi todo no teatro e no audiovisual galego das últimas décadas».
Centrei a miña intervención na análise da modalidade de Creación Literaria, que na miña opinión contribuíu á normalización dun sector que foi ampliando amodiño os seus públicos e profesionalizando o propio sector editorial. Repasando a nómina das 38 obras gañadoras, reparei no feito que 23 fosen narrativas e 15 poéticas. Repetiron como gañadores Carlos Casares (1980, 1999 e 2003), Víctor Freixanes (1983 e 1989), Suso de Toro (1987 e 2010), X.L. Méndez Ferrín (1988 e 1992), Manuel Rivas (1994 e 2007) e Agustín Fernández Paz (2012 e 2015). En canto ás editoriais, Xerais obtivo o premio en catorce ocasións, Galaxia en doce, Espiral Maior en catro e nunha Edicións do Cerne, Ir Indo, O Castro, Laiovento, A Nosa Terra, Tema, Nós e a autoedición de Afonso Pexegeurio, gañador da primeira edición (1978). Salientei a escasa presenza no palmarés de obras escritas por mulleres, xa que houbo que agardar a 1995 (despois de dezasete edicións) a que fora premiada Marilar Aleixandre por A expedición do Pacífico, sendo tamén a primeira ocasión no que era recoñecida unha obra da literatura infantil e xuvenil. Xaora, o número de escritoras premiadas foi apenas de cinco: Marilar Aleixandre (1995), Pilar Pallarés (1997), Anxos Sumai (2004), Luisa Villalta (2005) e Ana Romaní (2011).
María Xosé Porteiro ocupouse de analizar a modalidade de Iniciativas Culturais, onde salientou que dende a primeira edición, na que foi premiado o Museo do Pobo Galego, recoñecéranse iniciativas colectivas. «Ao longo destes trinta e oito anos tívose unha visión moi ampla, moi panorámica, moi extensa, como se pode comprobar na nómina de iniciativas gañadoras e tamén de finalistas, como sucedeu na primeira edición con Vagalume, aquela revista infantil galega». Xaora, insistiu Porteiro na necesidade de enlazar coas xeracións da Diáspora e no feito de que nestas case catro décadas «non perdemos identidade, gañámola, xa que fomos capaces de pensar en global e actual en local». Rematou apelando «a necesidade de que os Premios da Crítica Galicia mudasen as formas para actuar e comportarse co espírito das novas xeracións».
Pola súa banda, Xosé María Palmeiro abordou a profunda mudanza que no sistema de medios se produciu en Galicia dende 1978, «un momento no que comezou a concibirse Galicia como un espazo informativo propio e no que apareceron publicacións en lingua galega como Teima, Man común e máis tarde A Nosa Terra». «Un momento no que se produciu a atención cara o local e a reivindicación do papel da lingua e do argumento informativo de Galicia, Nese caldo de cultivo naceu a iniciativa dos Premios da Crítica Galicia». A seguir, Xosé María Palmeiro fixo unha inquedante reflexión sobre a situación actual do sistema de medios de en Galicia sometido a un proceso de concentración: «algo non vai ben. Non andamos ben en conxunto, Algo non vai ben a pesar da hipermultiplicación de pantallas. Algo non vai ben na expresión do relato de Galicia e en galego».
Poema de hoxe 122: “Arcaico o tempo que respira” de Paulino Vázquez/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
o tempo procura o lugar da emoción sen a emoción
Paulino Vázquez, Arcaico o tempo que respira (Galaxia, 2008)
A libraría Librouro encheuse onte coa presentación de Poemar o mar, o novo libro de Antonio García Teijeiro, ilustrado por Xan López Domínguez. Iniciou o acto Helena Pérez, en representación de Xerais, que explicou a orixe desta edición, a primeira colaboración entre Teijeiro e López Domínguez, e a encadrou na triloxía do mar do autor, da que forman parte ademais deste volume Palabras do mar, editado por Embora, e En la cuna del mar, editado por Creotz ediciones.
No inicio da súa presentación, o escritor e crítico Ramón Nicolás lembrou a relación de García Teijeiro con Celso Emilio Ferreiro e Moraima, a quen entrevistou. Definiu Poemar o mar como «libro memorable e indeleble, con ritmo de seu dende o propio título, «un libro que constitúe un compendio e actualización de toda a poesía galega do mar, dende Johán de Cangas e Mendiño, pasando por Manuel Antonio e Cabanillas, até os poetas actuais.» Para Nicolás «a palabra clave no libro é a emoción poética«, como tamén o é «a idea do mar como salvación», «xa que Antonio García Teijeiro cando fala do mar fala de todas as cousas». Rematou Ramón Nicolás identificando o paralelismo do libro de Teijeiro coa obra de Rafael Alberti cando dicía aos oitenta e seis anos que «o mar cabe nunha soa onda». Pola súa banda, o autor salientou que concibe «o mar como un sentimento íntimo», «sinto que o mar me chama, como me chaman os poetas do mar como Alberti, Mendiño ou Martín Codax».

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
