Borja Oubiña
Nas páxinas de deportes de El País aparece hoxe unha reportaxe sobre Borja Oubiña que moito me alegrou. O texto amosa que o mellor futbolista galego da actualidade é tan bo e intelixente rapaz como sólido mediocampista dunha grande proxección internacional. As súas declaracións criteriosas sobre o fútbol actual (adscribíndose ao fútbol de toque e de conxunto), as súas opinións prudentes e retranqueiras (mais contundentes, tamén) sobre a concepción da canteira do Celta e do Coruña son moi ilusionantes para os que soñamos que algún día estes dous conxuntos sexan cen por cen galegos.Hai dúas tempadas que comprobamos en Balaídos como Borja foi medrando como futbolista de porte elegante, e como foi gañando en seguridade e intensidade (tanto no roubo de balón, onde xa é un mestre, coma na distribución sobre as bandas, onde comeza a coller confianza). Oubiña é o modelo de futbolista moderno: culto, estudoso e paciente, moi traballador dentro e fóra do campo (sei que despois dos adestramentos queda dúas horas castigándose só no ximnasio da Madroa), e moi disciplinado e concienzudo tacticamente sobre o terreo (alí é o home de Fernando). Se é quen de gañar en claridade e precisión atacante (onde, polo momento están as súas maiores carencias), non teño dúbidas de que a presente será a súa grande tempada, tanto no Celta, como nas seleccións nas que participa (como mediocentro defensivo non admite comparación nin con Abelda nin con Senna). Temo que será tamén a derradeira co Celta. Seguindo por este vieiro, o vindeiro ano a Premier League váinolo levar .


















