Campo do Fragoso IX
CAMBIOS URXENTES
Aos siareiros dóenos no corazón a humillante goleada que o Coruña endosou a un Celta incapaz de encarar o derby con algunhas garantías de éxito. Coa súa decepcionante actuación, a máis ruín e desganada que lle temos visto ultimamente, liquida a súa magnífica arrincada de tempada e contémplase impotente no espello da tristeza da bancada do Fragoso que soubo encaixar con enorme enteireza outro desastre fronte os nosos maiores competidores. Os problemas motivados pola falta de alternativas tácticas para remontar un resultado adverso, arrastrados nas segundas partes dos últimos partidos, agraváronse o sábado fronte a un rival tan antipático e ordenado defensivamente como consciente de que obter un bo resultado en Balaídos permítelle gañar moita credibilidade diante da súa afección durante varias semanas. A esta altura da liga, o Celta de Vázquez é un equipo fisicamente endeble e tacticamente moi previsible; un conxunto fráxil a quen os rivais xa lle pillaron a agulla de marear baseada nas intermitentes aparicións máxicas de Baiano e Canobbio. O Celta precisa cambios urxentes para evitar unha perigosa caída en barrena: Sergio non pode continuar un encontro máis no centro da defensa nin Iriney no medio pivote nin, sequera, Núñez na banda, xa que os tres amosaron unha alarmante baixa forma. Por moito que lle custe a Fernando modificar o seu once ideal, chegou o momento de comezar as rotacións e ofrecer oportunidades para Méndez, Jorge Larena, Roberto de Sousa, Aspas, Ridder ou Gustavo López. Fronte ao Barsa da marabilla podería ser un bo momento para inicialas.


















