Campo do Fragoso XLV

DOUS GOKKAZOS
Os dous goles de Yiannis Okkas, o dianteiro internacional chipriota que debutaba en Balaídos, devolvéronos a ledicia. Porén, a pesar da clara vitoria diante da U.D. As Palmas (o equipo máis frouxo dos que por aquí pasaron), iso que chamamos fútbol aínda non compareceu sobre a lameira do Fragoso. A primeira parte celeste foi moi pobre. Os de Stoichkov non puideron impoñer a súa autoridade: a parella de pivotes (Vitolo e, o tamén debutante, Mario Suárez) quedaba trabada no medio do campo e os dous laterais (de carácter ultradefensivo e moi estáticos) eran incapaces de colaborar dalgunha forma no xogo atacante polas bandas. Apenas unhas poucas escintilacións técnicas de Larena e, sobre todo, do punta chipriota (unha agradable sorpresa) introducían algún fío polo que estirar o xogo e construír un relato cun mínimo de perigo. Na segunda parte mudou radicalmente o panorama, grazas, ao empuxe que supuxo a presenza diante dos pivotes de Diego Costa, que substituíu ao inofensivo Quincy “o bicicleteiro”. Unha xogada a balón parado, tocada co veludo preciso de Larena e peiteada con grande elegancia por Okkas, e unha contra ao límite do fóra de xogo, aínda mellor resolta, tamén, polo chipriota abondaron para pechar o marcador. Estes dous gokkazos de fermosa factura foron o mellor dun encontro que, a pesar do resultado, non resolve as dúbidas que arrastra o Celta deste comezo de tempada. Non vimos un esquema táctico definido, non vimos continuidade no debuxo das liñas (entre unha defensa caótica, que aposta máis polo pelotazo ca pola anticipación, e un medio campo sen personalidade nin capacidade de recuperación), non vimos, polo momento, capacidade de xerar ese fútbol ligado e coherente que gosta en Balaídos dende os tempos de Mazinho e Mostovoi. Mágoa, que o resultado quedase ennegrecido pola grave lesión de Borja Oubiña, na xornada na que debutaba en Anfield Road, un dos templos do fútbol mundial. Todo o noso agarimo, nestes momentos tan difíciles, para o mellor xogador galego deste século.

Etiquetas:

Campo do Fragoso XLIV

SINISTRO TOTAL
Fronte ao Eibar, Stoichkov apostou por presentar outro equipo novo, sen canteirán galego ningún. Nos dez primeiros minutos, un par de detalles técnicos de Diego Costa, o media punta brasileiro que substituía a Canobbio, e unhas cantas bicicletas pola banda do holandés Quincy levantaron a bancada: semellaba que, por fin, chegaba o fútbol a Balaídos. Foi só un espellismo. Os vascos colléronlle amodiño o control do centro do campo a Souza e Larena (a nosa parella de medios) e desapareceu o fútbol combinativo dos celestes. Na primeira parte só grazas a senllos balóns de Rubén, picados dende moi atrás, Manchev (o noso único dianteiro) tivo a oportunidade de demostrar as súas enormes dificultades para desbordar ou rematar cun mínimo perigo. A pesar da entrada de Vitolo e Dani Abalo (que deron un chisco máis de velocidade) e das dúas xogadas con certo sentido que desperdiciou a nosa inocente dianteira, non mellorou o xogo céltico coa reanudación. Faltando dez minutos para a conclusión e enfastiada a bancada pola ausencia de algo que se poida chamar xogo, unha contra ben levada polos eibarrotarras abondou para noquear outra vez a este Celta paupérrimo. Na terceira xornada de liga a súa situación é xa absolutamente crítica, non só polos resultados que, previsiblemente, o situarán en posicións de descenso, senón, e sobre todo, por que non se intúe que nas vindeiras xornadas vaia mellorar o xogo e autoridade dos celestes sobre o terreo. O Celta de Stoichkov non manexa conceptos do fútbol actual, non posúe liderado nin dentro nin fóra do campo, amais de non ter corazón nin identidade definida. Algo que non nos extraña tras a vergonzosa política de liquidación do conxunto da tempada anterior e a súa transformación nun mero equipo vasoira, onde probar a canteiráns dos equipos da capital (onte chegaron a xogar até cinco destes inexpertos rapaciños). Un auténtico sinistro total para unha afección con oitenta anos de fútbol atlántico.

Etiquetas:

Campos do Fragoso XLIII

ASÍ NON SUBIMOS
Polo que vimos contra o Córdoba, así non subimos. O Celta de Stoichkov naufragou en todas as súas liñas contra o equipo que hai só uns meses gañou o Play Off de ascenso ao noso benquerido Pontevedra. Sen patrón de xogo, sen identidade de conxunto, sen individualidades desequilibrantes, sen referentes de liderado dentro e fóra do terreo de xogo, sen coñecemento das características do equipo rival, sen compromiso nin convicción nas propias posibilidades, os célticos foron dominados coma fantoches durante case todo o encontro (nalgúns momentos da segunda parte de forma vergonzosa) por un equipiño entusiasta que se tería levado doadamente o encontro de ter máis fortuna na finalización. Custoulle ao Celta media hora realizar un remate e, en todo o partido, só foi capaz de tecer unha xogada con verdadeiro sentido atacante (a do gol dun pésimo Canobbio, que culminou unha boa asistencia de Larena). Un pobrísimo balance de xogo para o peor Celta que recordo, polo menos, nos últimos quince anos. Os sufridos resistentes da bancada (apenas a metade dos que comezamos a tempada pasada) non podemos dar creto á semellante desfeita que, sendo realistas, sitúa aos celestes moito máis preto da 2º B ca do devecido ascenso a primeira. As dúas únicas notas positivas da lamentable matinal de onte foron o debut de tres canteiráns (Richi, Dani Abalo e, sobre todo, dun prometedor Roberto Lago), que adozaron cun pouco de sal e optimismo o aborrecemento do público, e a posibilidade de tributarlle unha derradeira homenaxe a Borja Oubiña, quen, inevitablemente, abandonará o clube esta semana. Moito, moito terá que mellorar este equipo, instalado nunha crise gravísima de identidade, para poder aspirar a recuperar tanto terreo perdido. A mesma enerxía que utilizou o señor Mouriño para desmantelar nunha semana o club debería empregala ésta para rearmar realmente o equipo. Se non o fai, pode volver precipitalo no abismo.

Etiquetas:

Campo do Fragoso XLII

DESCENSO MERECIDO
Fallounos o Rácing de Santander! A vitoria merecida do Celta diante do motivadísmo Xetafe foi insuficiente para que se producise o milagre. Co apoio da bancada petada e voluntariosamente algareira, os celestes saíron moi nerviosos sabendo que a súa sorte non se dirimía só sobre a lameira viguesa e boa parte das súas posibilidades de permanencia quedaban na capacidade dos cántabros de non perder diante do Betis. No arranque do encontro, a defensa de Stoichkov facía, outra vez, auga de forma clamorosa e a solución de Ángel como mediocentro amosábase ineficaz para impedir que os tres dianteiros do Xetafe atuasen a Pinto cunha facilidade estremecedora. Así chegou o gol de Redondo, quen sen marca ningunha aproveitou un rexeite na fronte da área. Paradoxicamente, o Celta soubo erguer o seu ánimo e con enorme facilidade conseguiu empatar, minutos antes do descanso, grazas a un contragolpe moi ben resolto por Bamogo, que realizou un dos seus mellores partidos. Tras a reanudación, os celestes saíron afoutos, decididos a resolver o encontro decontado. Anunciouno Gustavo López cun intelixentísimo saque de falta, que bateu no poste, e concretouno Lequi rematando de cabeza un saque de esquina. Desbordouse, por uns minutos, a euforia en Balaídos: o milagre no que ninguén acreditaba, semellaba posible. Porén, as noticias radiofónicas dos goles do ex-céltico Edu no Sardinero foron enmudecendo a bancada que respectou os vinte e cinco minutos finais nun silencio sobrecolledor, expresión da súa tristeza e decepción por un descenso xa inevitable. Os que acudimos durante toda a tempada ao estadio sabemos que este descenso foi tan merecido como doloroso. Un equipo que só conseguiu gañar catro partidos na casa non podía aspirar a continuar en primeira. Non hai dúbida de que o Celta, se pretende volver axiña a primeira, precisa refundar o seu proxecto deportivo partindo case de cero. Velaí un reto moi difícil do que falaremos en setembro.

Etiquetas: Celta_de_Vigo

Campo do Fragoso XLI

FELIZ CARAMBOLA
Un penalti no tempo de desconto, que Fernando Baiano resolveu con enorme serenidade, permite ao Celta continuar coas súas posibilidades matemáticas de evitar o descenso. Unha feliz carambola para un partido dramático e escasamente vistoso no que os celestes nin foron superiores no xogo nin amosaron nunca unha mellor actitude que os béticos. De saída Stoichkov apostou polo equipo e polo esquema utilizado por Fernando Vázquez ao longo de case toda a tempada. Porén, a pesar da concentración de Borja Oubiña que permitiu algunhas interesantes recuperacións, os célticos nunca controlaron o centro do campo, por mor do naufraxio e a desimplicación xa habitual de Pablo García e de Canobbio. Só os dous voantes celestes conseguían subir polas bandas con certo perigo, mais como tamén é adoito os seus balóns se desperdiciaban na área pequena no momento decisivo do remate. Outra falla de marca de Placente permitiu que Odonkor centrase a pracer dende a liña de fondo para que Robert adiantase aos béticos. Semellaba entón que para a maior parte dos celestes, apenas transcorridos vinte minutos da primeira parte, o partido quedara resolto e a tempada amortizada. Só a actitude heroica de Gustavo López e un soberbio cacheirón coa súa zurda rescatou, a punto de chegar o descanso, a esperanza celeste. A segunda parte foi dun xogo nefasto dos dous conxuntos. A pesar da súa superioridade numérica, os de Stoichkov non foron capaces de intimidar a un rival moi disciplinado que se conformaba cun empate que o salvaba. No entanto cando a bancada manifestaba a súa decepción polo descenso, chegou a carambola dun inocente empurrón do porteiro andaluz a Núñez. O momento do lanzamento do penalti foi dramático e moi emocionante tanto no terreo de xogo coma na bancada. Grazas á precisión de Baiano, os celtistas que pretenden seguir soñando aínda poden facelo. A agonía continúa.

Etiquetas: Celta

Campo do Fragoso XL

DEBACLE DEFINITIVA
Non podemos seguir enganándonos inutilmente crendo en milagres que non se van producir: a derrota diante do marrulleiro e sospeitoso Levante déixanos en Segunda División. Un penalti fantasma sinalado a piques de rematar a primeira parte –que o nefasto colexiado Rubinos Pérez semella quixo ver antes que se producise a “xogada” (daría para un argumento de auténtica novela negra)– arruinou as escasas posibilidades de que un paupérrimo Celta, a quen lle queima a pelota nas biqueiras de moitos dos seus xogadores, fose capaz, sequera, de empatar. Nin ao máis entusiasta seareiro pode extrañarlle que o equipo de Stoichkov encadee catro derrotas consecutivas xa que o seu xogo, a pesar do corazón que lle meten en cada encontro uns cantos xogadores honestos (Oubiña, Gustavo López, Tamas e moi poucos máis), é de calidade moi inferior ao que realizaba baixo a batuta disciplinada de Fernando Vázquez. Coa mudanza de adestrador, a pesar do espellismo mediático inicial, os celestes perden máis partidos, encaixan máis goles e, sobre todo, xogan moito peor. Sendo así as cousas, o descenso é inevitable, xa que as probabilidades de salvación son agora meramente matemáticas. A imaxe, ao remate do encontro, de Oubiña abandonando en solitario e bagoando o terreo de xogo encheunos de enorme tristeza (máis ca propia derrota). Unha situación tremenda que amosa a soidade deste grande xogador celtista fronte á desimplicación da maioría dos seus compañeiros que hai moitos meses (por razóns que xa é tempo coñecer) decidiron tirar a toalla sen que ningunha autoridade do club tratase de impedilo. O fracaso do presidente Carlos Mouriño é total, a pesar de que pretenda endosarllo ao anterior adestrador (por certo, tamén celtista de raíz). Diante desta catástrofe ben sería que xa se fose preparando a vindeira tempada con outros criterios deportivos. Como di a foliada da Roda “… temos que cambiar de xente”.

Etiquetas: Celta

Campo do Fragoso XXXIX

O GLOBO DESINCHOU
A debacle diante do Mallorca demostra que o problema do Celta non era Vázquez, non. O globo da euforia provocado polos abrazos e a sintaxe fragmentada do simpático Stoichkov nas salas de prensa (que tanto ilusionou aos detractores do serio adestrador galego) serviron só para gañar ao Coruña. Porén, o partido de Zaragoza e, sobre todo, o de onte devólvenos a crúa realidade da situación agónica dun equipo que, na fase decisiva do campionato, carece de xogadores e de estratexia táctica solventes para atuar a rivais da súa mesma categoría. O Mallorca resolveu comodamente o partido nos primeiros vinte e cinco minutos. Abondoulle con plantarse con orde sobre o terreo, deixando que un incansable Ibagaza (que fixo o que quixo cun solitario Oubiña) empuxara a Jonás Gutiérrez e Arango sobre unha defensa e unha portería célticas que en cada ataque se desparramaba coma a manteiga. Inevitablemente, así chegarían os dous primeiros goles dos vermellóns, sen que os celestes amosaran capacidade ningunha de reacción. Coa reanudación e diante de tan contundente pallona, Stoichkov apostou por volver á fórmula tradicional de Vázquez, o dobre pivote, dando entrada ao conflitivo Pablo García (rifa ata cos seus propios compañeiros), o que supuxo un certo repunte do xogo atacante dos galegos que malograron algunhas oportunidades claras para acurtar a diferenza. Un espellismo que durou apenas dez minutos. Notouse, entón, a falta de Baiano e as escasas alternativas de remate deste equipo impotente que se precipita, se non o impide un milagre, cara á segunda división. O globo de Stoichkov (onte outro desesperado espectador máis) picábase coa mesma facilidade coa que foi inchado artificialmente pola xunta directiva celeste. Con estes vimbios tan endebles pode evitarse aínda o descenso? Unha pregunta que deberían responder o director deportivo Félix Carnero e o presidente Carlos Mouriño.

Etiquetas: Celta_de_Vigo

Campo do Fragoso XXXVIII

O VALOR DOS ABRAZOS
Despois de celebrado o derby e recuperado, por fin, o ansiado vieiro das vitorias, teño claro que o principal problema do Celta non é tanto a calidade do seu xogo como a de recuperar o equilibrio anímico perdido tras seis meses de derrotas. Fernando Vázquez, un técnico honesto e celtista de corazón, a quen temos que agradecer dúas magníficas tempadas, porén, non soubo este ano xestionar este aspecto emocional na súa relación co cadro de xogadores nin moito menos coa maioría dos afeccionados. Velaí, no eido das emocións, onde se produciron as principais mudanzas de Stoichkov, quen cos seus brazos abertos e o seu entusiasmo desbordado conseguiu que a confianza, o orgullo e a alegría volvesen ao terreo de xogo e, sobre todo, ás desanimadas bancadas. Stoichkov introduciu lixeiras modificacións no conxunto habitual, colocando a Nené polo centro, como acompañante na punta de Baiano, e distribuíndo máis xogo polas bandas. No entanto, as maiores mudanzas estiveron na actitude dos xogadores que, dende o comezo, encararon con afouteza, rapidez e determinación a portería dun moi pachorrento Coruña, que agardaba atopar a fenda do decaemento anímico celeste. Durante a primeira parte o Celta chegou cunha facilidade apabullante, mais, como é adoito, non conseguía finalizar con éxito. Venturosamente na reanudación, cando o Coruña comezaba a controlar o tempo de xogo, Baiano matou unha pelota precisa dende a esquerda dun activísimo Gustavo López. Co marcador por diante, Stoichkov non se arredrou unha miga e meteu a Bamogo para conseguir maior capacidade de contraataque. Así, os emocionantes minutos finais, co Coruña empurrando con auténtico perigo, foron unha festa nas bancadas. O derby demostrou que o Celta, se é capaz de recuperar a autoestima, ten xogo abondo para manter a categoría. Polo momento o valor dos abrazos de Stoichkov serviu para superar a primeira final.

Etiquetas: Celta

Campo do Fragoso XXXVII

UN MADRID CUTRE
O estado anímico da afección celeste, ben curtida en incontables derrotas, non se deteriorou con outra máis diante do Real Madrid. A procura de síntomas de mellora no xogo do equipo (moi perceptibles nos últimos encontros) abonda para non perder unha esperanza de permanencia que, grazas aos resultados doutros campos, continúa intacta. Pareceume o Madrid de Capello un equipo sen xeito, vulgar, apático, dos tantos que veñen esta tempada a Balaídos coa intención de levarse o partido aproveitando un par de erros motivados pola impaciencia anímica dos célticos. Como xa é adoito, os de Vázquez dispuxeron dunha chea de oportunidades, estragadas no segundo decisivo, e ofreceron instantes de beleza inesperada, como a rabona espectacular da primeira parte dun formidable Gustavo López ou o monumental taconazo de Nené que permitiu marcar a Ángel en carreira (ata agora, o mellor gol da tempada). O Madrid, coa excepción da gran actuación de Iker Casillas e do oportunismo de Robinho, non ofreceu aos seus numerosos seguidores galegos outra xogada merecedora de ser reseñada, nin artellou un minuto de fantasía para ser apupado, nin sequera un xesto técnico dalgunha das súas millonarias figuras que parecían conformarse con evitar a derrota. O Celta –a pesar de notar a ausencia de Cannobio e resentirse no centro do campo coas imprecisións de Borja Oubiña e Iriney (os dous algo fóra de punto despois das lesións)– foi un equipo moi valente e coraxudo capaz de obrigar ao rival a colocar vergonzosamente o autobús nos minutos finais. No entanto, volveu demostrarse que no fútbol se non metes cando podes (e os célticos puideron facelo en cinco ou seis ocasións), inevitablemente rematas perdendo. Un Madrid cutre gañou así a un Celta incapaz de rendibilizar o seu bo xogo para obter unha vitoria. Tampouco funcionaron os amuletos, este equipo continúa enmeigado.

Etiquetas:

Campo do Fragoso XXXVI

OUTRA DOSE DE CICUTA
Xa mo adiantara pola mañá un bo amigo bilbaino: “estes leóns nosos xa non che son tan feros coma noutrora”. E tiña toda a razón. O Celta e o Athletic, dous conxuntos amigos en horas moi baixas, ofreceron en Balaídos un espectáculo futbolístico moi pobre, onde mais ca xogo amosaron a súa impotencia para saír do foxo, onde por deméritos propios están instalados esta tempada. Ningún acadou o obxectivo que buscaba, mais, tal como transcorreu o encontro, os dous quedaron satisfeitos. Saíron os vascos dominadores, ata que os galegos, grazas ás escapadas pola esquerda de Gustavo (na súa posición natural), foron conseguindo controlar o tempo de xogo e adiantarse, á media hora, no marcador. A partir do gol de Ángel, os celestes controlaron con comodidade un partido que, por fin, semellaba non se escaparía. O comezo da segunda parte, a pesar do aparente dominio dos leóns, aínda foi máis prometedor: Baiano e Canobbio estragaron por milímetros senllas oportunidades nas súas biqueiras. Mais, cando faltaba aínda media hora, Pablo García autoexpulsouse de forma caprichosa e inxustificable, proporcionando a todo o seu equipo a dose de cicuta suficiente para suicidarse diante dos seus afeccionados. En inferioridade numérica, os celestes xa non puideron xestionar con garantías a súa vantaxe; desconcentrados retrasaron as súas posicións e, o ata entón, inofensivo conxunto bilbaino apretou para que Aduriz cabecease a pracer unha falta moi ben medida por Yeste. A partir dese momento –como demostrou Murillo nun cabezazo ao poste no derradeiro minuto– o empate era un magnífico resultado para os célticos, un equipo que ven demostrando ser absolutamente incapaz de superar o seu complexo a obter unha vitoria en Balaídos. Non hai dúbida de que o peor inimigo deste Celta son os seus propios fantasmas. Os de Pablo García non teñen nome. Outra boa oportunidade estragada.

Etiquetas: