Poema de hoxe 129: “Definición” de Aquilino Iglesia Alvariño

O ventiño da mañá
límpalle os ollos á aurora
roxa de tanto chorar.

Aquilino Iglesia Alvariño, Polo correo do vento (Xerais, 1994)

Onte 1666: «Presas fáciles» de Miguelanxo Prado

presas_facilesCada novo título de Miguelanxo Prado, o máis internacional dos nosos narradores, xunto a Manuel Rivas, é un acontecemento para a edición e creación galega. Asi sucedeu esta semana, coincidindo coa celebración do Saló Internacional del Cómic de Barcelona, con Presas fáciles, a súa contundente resposta á degradación moral e política que vivimos na última década. Ao fío do estremecedor suicidio de dous maiores estafados polas preferentes, cando ían ser desafiuzados, Miguelanxo recupera a súa expresión máis realista, tanto no que atinxe á trama como á representación (detalladísima) dos espazos da Coruña, a súa cidade, para ofrecer un dos seus libros máis memorables, á altura de Ardalén ou Trazo de xiz. A corrupción e a impunidade coa que actuaron as entidades financeiras son denunciadas nesta novela gráfica como formas de violencia avaladas polo estado cando non defende aos máis débiles. Recomendo moi vivamente.

Poema de hoxe 128: “A xoaniña andeira” de Anisia Miranda

Sobre o lombo do regueiro
navega unha xoaniña
nunha folla de salgueiro.

Anisia Miranda, Cantarolas (Xerais, 1995)

Poema de hoxe 127: “As doce e sereno” de Manuel Guede

Son terribles e sabias as fotografías:
nunca regresan con nós ó lugar dos sucesos.

Manuel Guede, As doce e sereno (Xerais, 2000)

Onte 1664: «Testemuña» de Manuel María

Manuel_Maria_retrato_Xose_Abad

 

Preparando onte unha intervención sobre Manuel María, que farei a vindeira semana, din con este retrato magnífico do poeta que lle fixera en 1994 Xosé Abad naquela colección titulada «Retrato Autorretrato». Unha proposta experimental na que a persoa fotografada escolleu os elementos da súa preferencia que compoñen a obra final. Manuel María optou por decorar o fondo caligrafando un seu autorretrato que escribira en 1956 e debuxando un «anxo da terra Chá». Un documento artístico hoxe moi esclarecedor que pode constituír un excelente recurso didáctico nesta Semana das Letras.

 

TESTEMUÑA

Estou entre a néboa, eiquí en Galiza.
Non teño dornas para navegar o mar
que peta en min, mouro e terrible.
Profesei de galego dende neno
na miña Terra Chá senlleira e longa.
Por sucos teños as miñas veas
unha soidade ferida por semente
e por terra cativa este meu corpo
feito de arxila fleve e pecadora.
Dos meus escuros beizos estas verbas
que anceian voar coma paxaros
polo ceo pequeno de min mesmo.
Agardo, ano tras ano, pola rosa
que ten de agromar fermosa e branca
para xustificar así a miña vida
escura e caladiña baixo o vento
sutil e misterioso da saudade.
E falo decote nesta música
na que canta Galiza dende sempre.

Manuel María

1956 (Copia manuscrita de 1994)

Foto de Xosé Abad. (Mil grazas)

Onte 1663: “Quen dá a quenda?”, o debut de Cajaraville na literatura infantil

O salón da Feira do Libro de Santiago encheuse no serán de onte (onde se superaron os trinta graos) na presentación de Quen dá a quenda? a novela coa que Héctor Cajaraville debuta na literatura infantil. Un acto no que presentamos a traxectoria fulgurante do autor de De remate, gañador nos últimos once meses dos premios Xerais (de novela), Raíña Lupa (de literatura infantil e xuvenil) e Ánxel Fole (de narración curta), como a importancia deste seu primeiro libro infantil, que resultou finalista do pasado premio Merlín, que demostra a versatilidade dun narrador natural, coñecedor profundo de todas as técnicas do relato, dotado dunha imaxinación e fantasía desbordada e auténtico “rei das palabras” e do seu xogo.

XG00253401Comezou Héctor a súa intervención confesando que concibira este libro non só para nenos, “mesmo tiña medo que este libro, premeditadamente infantil, non lle gustase aos rapaces”. “Non quedei tranquilo até que recibín as primeiras críticas dos rapaces, que foron moi boas e entusiastas, mesmo propoñéndome ideas para unha segunda parte ou facendo reflexións sorprendentes para min. Foi gratificante coñecer o nivel de implicación e esixencia do lectorado infantil”. Explicou Cajaraville a proposta que se lle fai o lectorado: “A protagonista principal da obra é unha meiga, Divina Sandamil Penas, que na súa casa do souto de Sombreu atende a calquera doente que ten unha preocupación ou precisa axuda. Persoas, animais, obxectos ou mesmo fenómenos naturais buscan na consulta de Divina remedio para o seu mal. Ela proporcionarallo coa única condición que fagan un favor a prol do ben común, do ben xeral”.

Ao fío da proxección das ilustracións de Ignacio Hernández presentáronse algunhas das vinte historias que contén a novela. a da nube que non ten forma, a do ordenador desordenado, a do dicionario ao que se lle escapan as palabras do seu segundo tomo, a da mesa que non esquece detalle, a do cero que non se conforma, a da fervenza que busca un río do que formar parte, a do rapaz que mestura soños, a do barco de vinte metros de eslora que se marea.. Historias todas cuxo ingrediente principal e a fantasía e a imaxinación. “Historias que poden parecer moi disparatadas, mais onde pretendín que todo tivese coherencia para que fosen verosímiles.” “Cos primeiros contactos que tiven co lectorado infantil descubrín que aquí hai un lector que vai máis alá que o adulto, chegando a convertirse en protagonistas do propio libro”.

Salientou que outras propostas de Quen dá a quenda? eran o humor, o coñecemento e os valores, como o traballo en equipo, a cooperación, o esforzo e a autoestima. “Quen fai o ben acabará recibindo de volta. O pouco que custa facer felices aos demais está presente de forma transversal en todas as historias”. Por último, Héctor insistiu na importancia das palabras, “as verdadeiras protagonistas do libro”. “Creo que os libros infantís, máis que ningúns outros, teñen que estar cheos de palabras diferentes e de xogos de palabras, como as do propio título (“Quen dá a quenda?”) ou do nome da meiga protagonista (Divina Sandamil Penas). Rematou Héctor expresando a súa ledicia por escribir e publicar libros coma esta para o público infantil, confesando que “unha vez remate dous proxectos narrativos para adultos que ten entre mans, volverei retomar”.

Poema de hoxe 126: “Voces” de Martín Veiga

Agora sabemos que o mar ten moitas voces

Martín Veiga, As últimas ruínas (Espiral Maior, 1994)

Poema de hoxe 125: “De palabras (V)” de Xosé Manuel Millán Otero

e amarás canto nomees canto alces
como un froito ante a luz como unha ofrenda

Xosé Manuel Millán Otero, As palabras no espello (Ediciós do Castro, 1995)

Poema de hoxe 124: «O dano desexado», Anxos Romeo

quero chuvia pra enfriar a dor
e sal pra morder

Anxos Romeo, Ollos de sal (Xerais, 1998)

Poema de hoxe 123: «Fui eu, madr’, en romaria a Faro con meu amigo», Johan de Requeixo

Fui eu, madr’, en romaria a Faro con meu amigo
e venho d’ el namorada por quanto falou comigo.

ca mi xurou que morriapor mi; tal ben mi quería!

Johan de Requeixo, «Fui eu, madr’, en romaria a Faro con meu amigo» (Século XIII)