Harold Pinter en Galeuzka

Recomendo a lectura do artigo de hoxe de Méndez Ferrín.

Novela de Marilar Aleixandre

Esta tarde presentaremos Rúa Carbón, a última novela de Marilar Aleixandre. Grazas á iniciativa de Vieiros pódese descargar un capítulo en PDF.
Creo que a moitas persoas adultas vailles sorprender atopar nunha colección, teoricamente, xuvenil un texto que aborda a complexa procura das identidades individuais e colectivas, tendo como teón de fondo o conflito político vasco e o terrorismo de ETA. Esta novela paréceme tan valente como sólida. Na vindeira primavera será editada en castelán. Recoméndoa vivamente.

O heroe

Hoxe enviamos a filmar O heroe, a primeira peza teatral de Manuel Rivas, que será estreada o vindeiro día 15 de outubro no Teatro Principal de Ourense por Sarabela Teatro, coincidindo co vinte e cinco aniversario da creación da compañía ourensana.
O heroe está protagonizada por Arturo Piñeiro, alias Caronte, ex lexionario, ex boxeador coñecido como Robinson, quen atende a barra de La Boîte de Pandora, un bar portuario, onde se ofrecen combates de boxeo e loita libre, abertos e pechados cos fados que interpreta Lucía, a súa muller. Todo se axitará na penumbra do local coruñés coa presenza dos Homes de sombra e coa chegada agardada de Anna, a pintora, e de Lanzarote, o loitador antifranquista, vendedor de máquinas de escribir, que recita fermosos poemas de amor. Caronte arrastra o culto á pena de Marte, a forza daqueles que gabeando a ras de chan tentan non perder o temón da súa vida, demostrando que a resistencia contra a morte e o tirano aparece nos lugares máis imprevistos, sendo protagonizada polos seres que viven nas abas da vida, defendéndose coas verdades gardadas nos ósos das palabras.
O heroe, a primeira peza teatral de Manuel Rivas, escrita con trazos de ironía e dureza, sitúanos nun presente recordado, entre un episodio histórico do franquismo e a contemporaneidade, para mergullarnos nunha subversión do concepto de heroe como culto ao guerreiro. Esa falsa idea do valor que paira de novo sobre o noso tempo.
A edición d’ O heroe será presentada, coincidindo coa súa estrea, en Ourense na tarde do 15 de outubro.

O escritor de Ligácia

Na edición de Vieiros Barcelona publícase hoxe unha magnífica entrevista con Xulio Ricardo Trigo, o escritor, tradutor e editor catalán de orixe galega. Xulio é o creador de Ligácia, un espazo literario propio, que corresponde á Galicia da súa infancia, recreado en novelas como Despres de l’ oblit (Logo do esquecemento), ademais de promotor de Perifèric Edicions e animador da cultura galega en Cataluña.
Da entrevista, que recomendo vivamente, destacaría a súa reflexión sobre o papel dos blos, que para el deberían “incidir máis na súa faceta de arquivo de textos e non dar tanta importancia a escrita cotiá”. Anuncia, tamén, a posta en marcha de El pont sobre el llac, un sitio para dar acubillo á tradución de textos da literatura galega, portuguesa e brasileira ao catalán.

Outra descuberta

Iria López Teijeiro, unha rapaza de vinte e catros anos de Fene, é a nova descuberta do primeiro Premio Biblos-Pazos de Galicia de novela convocado para menores de vinte e cinco anos.
É unha beizón deste ano que case cada premio permita atopar unha voz nova para a nosa narrativa. Semella que está xermolando, tamén, un tempo novo para as nosas letras.
Este premio de Biblos, tan orixinal, é outro grande acerto de Carmela e Tucho. O acto e o xantar posterior foron deliciosos. Parabéns merecidos para Biblos.

A paixón pola palabra

Pawley, de quen xa levo aprendido tanto, descobre un texto magnífico sobre Cando petan na porta pola noite, o extraordinario libro de Xabier (cúmprense dez anos do seu Premio Nacional). Xa devecemos por ler novos textos destas Seven Women; sen dúbida, son lectoras de moito criterio.

Conversas con Bernardino

Onte acabei a lectura do libro de conversas con Bernardino. Rafael e Héitor fixeron un traballo excelente xa que en apenas cen páxinas conseguiron amosar o rostro profundamente humano dun dos grandes poetas da literatura galega. Creo que os aspectos máis novidosos do libro son os referidos á etapa de formación do poeta e ao pensamento filosófico e relixioso desenvolvido polo poeta, na última década, a partir da escrita do Protoevanxeo do neto de Herodes.
O libro é moi entretido e de lectura agradecida polas múltiples anécdotas que contén. Quizais unha das máis divertidas é a que relata o tropezo en Madrid de Bernardino e Ferrín con Hemingway:

–Si, si. Home, en Madrid foi. Chocar fisicamente con Hemingway, de peito, eh!, Hemingway e Ferrín de golpe de peito. Precioso. Chocamos con el e despois dicía o Ferrín:
–Por que non nos quedamos con el? Coño, Bernardino ti sabes máis inglés.
Foi unha pena, pero é a timidez claro, é a timidez á adoración dos teus ídolos.

Pura e Dora escritoras na súa terra


Ourense 25-06-2005

Onte foron homenaxeadas pola AELG Pura e Dora Vázquez. Un recoñecemento ben merecido. Reproduzo a fermosa andoliña que escribiu o amigo Marcos Valcárcel:

“A poesía é unha forma que ten o home de orar, non sei a qué, pero de orar”, dicía hai uns anos o escritor Álvaro Mutis. E esa oración laica, aberta, participativa, prego de beleza e de autenticidade, encárnase cada ano como encontro colectivo nas homenaxes que desde 1995 celebra a Asociación de Escritores en Lingua Galega baixo a cabeceira O Escritor na súa Terra: cita que contou xa con nomes tan egrexios como Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos, Luz Pozo, Salvador García-Bodaño, Neira Vilas e Manuel María, entre outros.Este ano son dúas mulleres, Pura e Dora Vázquez, As escritoras na súa terra, e en Ourense, onde teñen unha rúa co seu nome desde 1995, recibirán o recoñecemento dos seus amigos e lectores coa plantación no Parque Barbaña de dous camelios, árbore que tanto amaron sempre, e unha Pedra Escultórica que inaugurará alí a Fervenza dos Poetas. Símbolo chamado a converterse en lembranza permanente como aqueloutra Pedra do tempo cantada por Pura: “Pedra dura do Tempo en desafíos. / Dos milenios chovendo corredíos/ no destempo, o devir onde pervive. / Trasustanciada voz a que nos fala/ da longuísima historia que a recala. / Dunha enlevada man que un nome escribe”.

Un canto á vida

É impresionante: Teresa Moure volveu gañar un novo premio. Hai varios días acabei de debullar o orixinal de Herba Moura, a novela coa que gañou o Xerais. Deslumbroume. Non atopo expresión máis acaída (“deslumbrante” dixeron, tamén, os membros do xurado).
Interesáronme moito os temas (dende a confrontación entre o pensamento racionalista e o empirista; a vindicación destas mulleres determinadas a escoller o seu camiño; o rescate da memoria de tantas mulleres invisibles…), mais, e sobre todo, a estrutura enfarrapada (ese “pachwork”, seguro que está mal escrito, que tanto me gusta) que, a autora consegue ganduxar nas derradeiras trinta páxinas (para min, prodixiosas) e a prosa enfiada e agarimosa, espremendo tanto, tanto as palabras ata conseguer un mel verbal marabilloso.
Gustáronme os personaxes, sobre todo, Hélène e Einés (tan riquiñas, tan apaixonadas polo coñecemento, como a propia Christina, un contrapunto, quizais máis racional, mais por iso, non menos emotivo). Gustoume o tratamento da figura de Descartes (que funciona como vertebrador da trama) coma a do propio V.M (ese director de tese que como enigma vaise desvelando na súa fachenda). Gustáronme as receitas (páxina memorable é a dos petisús), as cartas e as referencias ás herbas. Interesáronme os debates filosóficos e lingüísticos.
A novela é de lectura sedutora, como sensual son moitas das páxinas (que recenden cantas delas), a pesar de que algunhas (as de temática máis filosófica, no capítulo terceiro) son complexas. Todo un desafío para cada lector ou lectora. A novela toda é un canto a vivir con intensidade e con paixón e perseguir o coñecemento e o amor alí onde teñan a súa gorida. Xa teño ganas de vela editada e que os lectores e lectoras opinen. Esta novela vai dar moito que ler (alza 448 páxinas) e moito para falar e debater.