Campo do Fragoso XXXIII

CELTAZO
Aos moi poucos afeccionados que participamos no formidable espectáculo europeo de onte quedounos claro que o Celta vai saíndo paseniño da súa doenza. Fronte a un Spartak de Moscova, aínda un chisco baixo de forma, amosou síntomas dunha apreciable recuperación anímica e da consistencia do seu xogo. Fernando Vázquez presentou un modelo valente de xogo (3-4-3) que proporcionou ao equipo solidez e concentración defensiva (os nosos tres centrais gañáronlle case sempre a partida aos xigantóns rusos) e, sobre todo, capacidade de creación no medio campo, onde Borja Oubiña e un descoñecido Pablo García moi activo, realizaron moitas recuperacións e facilitaron que o balón rodase con perigo entre liñas. Na primeira parte o Celta xogando ao contragolpe realizou os mellores vinte minutos da tempada, con constantes paredes interiores, pases precisos e mesmo algúns alustros de xenialidade e fantasía. Froito desa insistencia atacante chegaron o gol de Nené, grazas a un bloqueo de Núñez (inspiradísimo de cabeza, nun dos seus mellores encontros en Vigo) e o pexegazo impresionante de Aspas (dende case corenta metros) que deixaba clara a solvencia europea dos celestes. Porén, para rematar tan trepidante partido (o mellor desta tempada), non puido faltar a emoción e a agonía: tras o gol dos rusos, os tres últimos minutos e os outros tantos do desconto foron de auténtico infarto con grandes oportunidades en ambas as dúas portas. Este celtazo na copa da UEFA, onde o equipo de Fernando Vázquez se sinte tan competitivo, amosa que hai vimbios dabondo para recuperar o ton doente desta liga tan difícil. Vivimos unha noite completa de fútbol europeo na que o medo e a emoción se transformaron, non era xa sen tempo, en ledicia e satisfacción desbordadas. A bancada, o adestrador e o conxunto merecíanas.

Etiquetas: