Campo do Fragoso XXV
TRASTORNO CICLOTÍMICO
O Celta desta tempada padece en Balaídos un preocupante trastorno ciclotímico. O conxunto de Vázquez alterna os partidos euforizantes –eis as súas grandes actuacións contra o Barcelona e o Valencia– con outros de nivel anímico depresivo, como sucedeu contra Osasuna e hoxe diante dun Sevilla máis entusiasta que acertado. Sen apenas solución de continuidade e con escasos indicios razoables, os celestes son capaces de pasar do electrizante xogo da serpe de hai quince días a manter un ritmo de partido insulso e desconectado da realidade dunha competición moi esixente. A pesar de ter a fortuna de poñerse moi cedo por diante no marcador, o Celta deixou o control do xogo aos andaluces, un equipo moi ordenado e con moitísimo perigo de medio campo para diante, o que permitiu que Navas e Poulsen mandasen a pracer no centro do campo. Desta guisa as oportunidades sevillistas foron multiplicándose e, a pesar da enorme actuación de Pinto, apareceron, tamén máis tarde, os goles. O caprichoso Fernando Baiano, nunha tarde na que a maioría dos celestes deixaron o corazón na caseta, nin sequera foi capaz de aproveitar un penalti moi dubidoso sinalado nos derradeiros minutos; cumpriuse así a profecía non escrita de que aquelas faltas máximas que non o son, moi poucas veces se marcan. A derrota, pois, foi merecidísima e inapelable noutra xornada na que o Celta amosou o seu perfil máis depresivo. Racionalmente, a explicación a semellante decepción podemos atopala nas ausencias no conxunto inicial de Lequi (algo incomprensible) e, sobre todo, de Borja Oubiña, ese valor discreto que lle proporciona ao equipo a consistencia defensiva e o equilibrio de xogo que precisa o Celta de Vázquez para funcionar. Agardemos que Borja se recupere canto antes para volver remontar.
Bos dias. Como sempre nunca podo ver os partidos do Celta, o que e unha desgracia para un celtista, polo que se agradece moitisimo a tua cronica. So me queda a informacion en tempo real do marca ou de livescore.cc, xa que a Radio Galega pola rede cortase moito e desesperome. Espero que no seguinte partido co RM despreguen o xogo da serpe. Estaria ben para compensar. Non seria bo perder moitos partidos na casa. Xa que venhen a visitar terras inglesas na competicion da UEFA espero velo en vivo e en directo contra o Newcastle. Se consigo entradas claro. Abur.
Oubiña pode demostrar aquelo de que non se valoran ben as cousas ata que se perden.