Campo do Fragoso XXI
GUSTAVO CELTA
Celta e Getafe chegaron á derradeira xornada cos seus deberes feitos e desputaron un amigable para celebrar as súas magníficas tempadas. Vázquez, coa elegante discreción que o caracteriza, preparou o encontro para convertelo na primeira homenaxe que a afección lle tributa a Gustavo Celta, o xogador que mellor representou o espírito da fantasía celeste nesta década de gloria de xogo sen títulos. E abofé que Gustavo non decepcionou e durante unha hora sintetizou a sabedoría atacante que durante sete tempadas tanto nos fixo gozar. Arrincou con afouteza, caneou canto quixo, recuperou de forma disciplinada, buscou con determinación atacante a liña de fondo, centrou maxistralmente en parábola media ducia de veces para que Contreras nunha delas cabecease con furia (un dos mellores goles da tempada) e mesmo, pouco antes de ser substituído, chegou a facer unha rabona extraordinaria (un tipo de centro exquisito que só saben ralizar os máis grandes peloteiros arxentinos e chilenos) que deixou á bancada asombrada. Nunha actuación memorable, Gustavo reivindicouse como a voz da poesía esencial daquela fantasía da serpe de xestas europeas da que a bancada aínda ten saudades. Con esta brillantez de xogo e emotividade agradecida (a homenaxe a Gustavo Celta foi vibrantísima) rematou unha tempada extraordinaria, sobre todo nos resultados (64 puntos, 20 vitorias, 33 goles en contra, cifras ao alcance de moi poucos equipos europeos). Este Celta de sobria defensa atacante, que conxuntaron de forma intelixente Vázquez e Félix, ofreceunos unha das mellores tempadas da historia céltica. Beizóns para eles, para o cadro de xogadores e para os responsables do clube.
Falou o fútbol e falou a grada: Gustavo merécese a renovación. El quere quedar e nos queremos que quede. A última palabra a ten Vazquez e o que el faga sera pensando no ben do Celta. Os sentimentos quedan para os aficionados. Pola miña parte só podo dicir que Gustavo é o mellor xogador do Celta dos últimos anos e que sempre estarei agradecido polas tardes (e mañans) que nos fixo disfrutar.
és um espectáculo…ILOVEYOU
ILOVEYOU…és um espectáculo!!!
És um espectáculo…ILOVEYOU!!!