Campo do Fragoso XVII

VENDAVAL DE XOGO
A fronte atlántica trouxo un vendaval de bo xogo a Balaídos. Con ela chegaron dous goles celestes nun partido moi entretido e fermoso, xogado a un ritmo intenso, onde houbo alternativas e magníficas combinacións e oportunidades de gol para os dous equipos. Na primeira parte, o Celta, empregando o seu esquema habitual (4-1-4-1), deixou a propiedade do balón ao Mallorca para impoñer así o xogo que máis lle presta: agardar atrás os ataques vermellóns procurando que os roubos de Oubiña facilitasen os contragolpes dos seus habilidosos interiores. Así chegaron os dous magníficos goles da tarde: o oportuno remate de Contreras, aproveitando o rexeitamento do pexegazo de Jorge; e a puntilla de Baiano desbordando ao porteiro insular, tras un boa parede con De Ridder. Na segunda, Vázquez moveu o banco e o esquema (4-2-3-1) de forma moi intelixente, proporcionando ao equipo maior capacidade de recuperación no centro do campo e unha vontade inusualmente ofensiva. Organizado deste xeito, o Celta ofreceu, entón, algúns dos mellores minutos de xogo da tempada: as combinacións electrizantes entre os dianteiros, os continuos caneos máxicos de Silviña e un recital de remates errados a porta baleira puideron aumentar unha conta celeste que mereceu ser máis avultada. Nun partido completísimo en todas as liñas, dende “San Pinto” (o noso gardarredes sacou algúns balóns milagrosos) a un máis entonado Baiano, os celestes demostraron posuír a flexibilidade táctica, a intensidade defensiva e a finalización atacante que lles faltou nas tres xornadas anteriores. Recuperáronse as aspiracións europeas.

1 comentario
  1. máis alá
    máis alá Dice:

    Que non, Bretemas, que non. Que fallamos moito, que o Mallorca e un equipiño, que si houberamos gañado os tres partidos anteriores estabamos na Champions, que si…xa veras como hai alguén que se vai queixar. A min este Celta gústame e o único que lle queda por facer ata o final da liga é disfrutar que os deberes xa os fixeron. E Vazquez? Veu para ascender ao equipo e ascendeu, tiña que buscar a permanencia e xa a ten e ten opcions á Champions. Pero que queres…é galego.

Los comentarios están desactivados.