Campo do Fragoso XV

SEIS PUNTOS
Fernando Vázquez sentenciara ao longo da semana que o encontro co Osasuna era un deses poucos nos que se desputaban sete puntos. Nun magnífico partido de defensa e contraataque os celestes conseguiron, diante dun dos seus rivais directos, seis. A expensas do que poida deparar no remate da tempada a diferenza de goles, constitúe unha boa renda para seguir con posibilidades de participar na vindeira Liga de Campións. A saída dos celestes foi un estourido de alegría. Non pasaran cinco minutos, cando Baiano, famento de gol, recortou con toda a súa potencia de John Deere a un dos centrais vermellóns e conectou un dereitón que deixou abaneando a bancada. A partir de entón, os de Vázquez xogaron con grande convicción ao fútbol que máis lles presta: sólida disciplina defensiva e veloz contragolpe entre liñas. O traballo de xigante de Oubiña, que en solitario roubou pelotas preciosas, entregándoas sempre con premura e sentido de verticalidade, e a tarde xenial de Canobbio, que ensaiou cambios imprevisibles na dirección do contragolpe, foron pouco a pouco desquiciando a un teimoso Osasuna que se emborrachou coa posesión do balón mais que nunca tivo o control do xogo. Tras o golazo de Canobbio, que burlou a marcaxe de Josetxo e caneou con enorme serenidade ao porteiro rival, a carreiriña eufórica de Fernando pola banda (algo que non viramos nesta liga), amosou a efectividade e coherencia do seu intelixente deseño táctico. Aínda con doce xornadas por diante, a continuidade deste Celta con tan sólida defensa e notable pegada pode levalo ónde ninguén soñara ao comezo da tempada.
1 comentario
  1. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Fermosa e certeira crónica. Todo un exemplo de que a crónica deportiva non está reñida cun estilo coidado. Parabéns, en fin, pola capacidade de síntese e parabéns tamén a todos os celtistas.

Los comentarios están desactivados.