Campo do Fragoso XLVIII
DERBI MOI IGUALADO
O primeiro derbi da tempada co Racing de Ferrol foi moi igualado e vistoso para as dúas afeccións. A primeira parte foi de claro dominio celeste. Conducidos dende o centro do campo por un criterioso Jorge Larena, os vigueses desenvolveron un xogo ordenado, unha intensa presión e un tratamento agarimoso da pelota, o que obrigou aos ferroláns a pecharse de forma meduliana e capear o temporal o mellor que puideron. Tivo o Celta, entón, as súas mellores oportunidades, dende un fermoso peiteado de Lequi que saíu rozando o pé do pau, a varias subidas veloces de Núñez que non atoparon rematador. Tras a reanudación, Juan Veiga, moi cuco, adiantou a súa defensa e optou por defender dende o campo céltico, o que foi amodiño desfacendo o sobrio esquema dos locais. Non obstante, despois dun parede preciosa entre Diego Costa e Georges Lucas, que conseguiu centrar dende a liña de fondo, Okkas rematou pola escuadra de forma inapelable. Aí rematou o encontro para os célticos que, como xa lles sucedera co Numancia, quedaron paralizados na “síndrome do 1-0” e non foron capaces de seguir impoñendo a súa autoridade. O “cacique” Medina avisou cun pexegazo ao longueiro, tocado por Pinto, mais no lanzamento do córner, Charpenet (totalmente só, nun clamoroso fallo de marcaxe) igualou o marcador. A partir dese momento, faltando case media hora, o Racing foise a polo encontro con enorme afouteza, sobre todo grazas á velocidade e aos caneos do vigués Jonathan Pereira (o fillo dos propietarios do “Xantar de Mari”) que toleou á defensa celeste. No minuto oitenta, nunha das súas arrincadas, o “Maradona do Calvario” combinou con recén saído Joselito que puido marcar cun punteirazo, rexeitado polo poste. Evolucionando as cousas desta guisa, compréndese que a igualada non foi mal resultado para os célticos. É innegable que con López Caro o equipo noso xa sabe a qué xoga, o que supón un adianto moi importante, mais non acaba de resolver aínda a súa problemática intermitencia no control dos tempos de cada encontro e a definición nos metros finais. Vamos, pero non imos; arrincamos, e axiña paramos. Aínda falta chispa, paciencia!