Campo do Fragoso XLVII

XUSTO EMPATE
López Caro non conseguiu despexar aínda as dúbidas sobre o futuro que lle agarda ao Celta nesta difícil andaina por Segunda. É innegable que o andaluz en apenas dúas semanas conseguiu introducir maior disciplina táctica e conformar un “once” máis estable, aliñando aos que todos os afeccionados sabemos deben xogar, a Lequi na medular da defensa e a Perera, como revulsivo atacante das segundas partes. Mudanzas que provocaron, unhas mellores sensacións no xogo celeste, mais que se amosaron aínda insuficientes para vencer a pasada semana a un frouxo Albacete, como onte a un excelente Numancia, un equipo moi ordenado e paciente que en Balaídos soubo manter durante gran parte de encontro o control da pelota e do ritmo de xogo. Saíu o Celta disparado e dominador, cunha clara ocasión de Núñez no primeiro ataque e con outra de Okkas, tamén clarísima, aos cinco minutos. Axiña chegaría o magnífico cabezazo de Lequi, rematando unha falta sacada por Larena. Entón, o Celta amainou –sobre todo a partir da desgrazada lesión de Canobbio (hoxe o santo e seña galego)–, comezando a desintegrase, a enredarse nas súas dúbidas e a ceder o control a un Numancia que, minutos despois, conseguiu empatar transformando un penalti, provocado inocentemente por Lequi. Coa reanudación, un disparo letal na frontal da área grande dun inspirado Diego Costa provocou o penalti marcado por Larena. Dende ese preciso momento, os nosos volveron naufragar na vertixe de verse por diante no marcador. Deixaron o leme a un Numancia que entón aseñorou o encontro como quixo, empatándoo nunha falta maxistralmente executada por Moreno e mesmo podendo levalo, se non fose polas intervencións salvíficas de “San Pinto”, que se convertiu no mellor dos celestes. Non hai dúbida: o empate foi xusto e o encontro ben bonito, propio de dous conxuntos con anceios de Primeira. Quédanos a dúbida de cáles son as razóns dos baixóns físicos e anímicos que padece o Celta, sobre todo, nas segundas partes. Semella que López Caro debe acelerar as rotinas de pretempada para recuperar este treito preparatorio desperdiciado.

Etiquetas: