Campo do Fragoso XIX
OUBIÑAS VEÑEN
O sábado o Celta precisou só media hora para facerse dono dun partido decisivo para as súas aspiracións europeas contra un frouxo e inocente Zaragoza, moi abaixado tras a derrota da final copeira. Paseniño, como é adoito nos de Fernando Vázquez, a solidez defensiva celeste (Lequi é Contreras son a mellor parella de centrais da segunda volta desta liga) foi escachando os ataques de Savio e Ewerthon e permitindo a xenial condución de Oubiña, o noso mago Merlín. Así, nunha contra levada con moita serenidade polo canteirán (que non só recupera e xa se atreve a atacar e a meter balóns entre liñas) chegou o primeiro gol de Canobbio. Entón a bancada respirou aliviada, consciente de que o partido estaba gañado xa que igual que os de Vázquez nunca foron capaces de remontar un resultado adverso, tampouco ninguén foi capaz de levantarlles un encontro. Na segunda parte, os celestes, sen perder unha miga da súa disciplina defensiva (o seu punto máis forte), saíron dispostos a ampliar o marcador e a desmentir a súa anemia na definición. Axiña chegaron tres goles moi xeitosos que, por vez primeira na tempada, provocaron que a esixente bancada de Balaídos corease entusiasmada a Rianxeira e xogase coa marea da Onda, reservadas só para os días das grandes xestas europeas. Non hai dúbida de que a esta altura a afección está completamente rendida diante do traballo dun adestrador que está sabendo atopar ouro neste cadro de mociños (os máis novos da competición) tan talentosos no toque e na distribución como disciplinados no xogo colectivo. Oubiñas veñen, Oubiñas veñen e van. Si, señor.
Aupa o Celta, si señor!!!!!
Bicos.