Campo do Fragoso XCIII

COMEZAN AS DÚBIDAS
Non, non foi un amigable de verán onde o que interesan son as sensacións que achegan as novas fichaxes e o resultado fica só para os arquivos do palmarés. Non, esta primeira derrota en competición oficial do Celta de Paco Herrera agoira dificultades para un equipo que, tras varias tempadas no foxo, pretende aspirar ao ascenso a primeira división. Un primeiro fracaso sen paliativos, tanto no espazo obxectivo e inapelable do marcador, como no terreo máis subxectivo (e non por iso menos decisivo) das impresións que puideron tirar os seareiros, con seguridade chafados polo visto no terreo de xogo que agoira sufrimentos e dificultades moi semellantes aos das nefastas tempadas anteriores. Polo visto onte sobre a lameira, até agora este Celta de Paco Herrera non mellora ao de Eusebio Sancristán. Seguimos parados, onde estabamos. Non hai dúbida de que o actual conta con maior profundidade atacante, como demostrou na espectacular saída do encontro de onte, porén perdeu aquela fasquía de equipo ordenado e paciente da pasada tempada, que construía o seu xogo dende a defensa e que gostaba de contar coa pelota. Un paso adiante e outra atrás. Máis alá da aposta moito máis prudente polos rapaces da canteira, este Celta de Paco Herrera demostrou que como resulta máis perigoso é utilizando o xogo directo e rápido, enviando pelotas moi longas para que as finalicen David Rodríguez ou Papadopoulos ou levando contras velocísimas nas biqueiras de Quique de Lucas. Así naceron durante os primeiros quince minutos, cinco ocasións preciosas, que magoadamente os dianteiros celestes non souberon aproveitar. Aí rematou o encontro para os nosos. Enfronte os rapaces do Barsa pequeno comezaron a sobar a bóla como se dos seus maiores se tratase, cómodos diante da escasa intensidade da presión galega no medio do campo e dos numerosos espazos que polo centro lles deixaban Túñez e Ortega, os nosos centrais (moitas saudades tivemos da disciplina e compromiso de Noguerol, a quen non quixo renovar Paco Herrera). Esa actitude escasamente comprometida no defensivo e a incapacidade de López Garai para controlar el soíño todo o medio campo, así como o escaso acerto dos nosos rematadores (ao que non foi allea, tampouco, unha actuación sobresaliente de Rubén Niño, o gardarredes catalán), foi desnivelando o encontro a prol dos de Luis Enrique que se puxeron por diante no minuto 27 da primeira parte e que o sentenciaron cun segundo tanto antes de finalizar o primeiro período. Dous goles moi fermosos, froito dun xogo de paredes de fantasía debuxadas por Nolito, un deses valores que neste equipo cotizará sempre a alta. Durante a segunda parte, o Barsa pequeno tivo tres oportunidades para deixarnos un marcador de escándalo, o que soubo evitar Falcón coas súas intervencións in extremis. Faltando un cuarto de hora, David Rodríguez atopou a chave do gol que procuraba, mais o equipo noso non tiña os folgos precisos para conseguir sequera a remontada. Comezamos, pois, con dúbidas moi serias sobre o que lle pode agardar a este Celta das nosas derrotas. Ben será que dende o inicio adquira maior intensidade e un patrón máis fiable e definido de xogo, dous requisitos para ser un equipo competitivo nesta categoría imposible.