Campo do Fragoso LXXXIII
SÓ FALTOU O GOL
O mellor Celta da tempada só puido empatar diante do Rayo Vallecano, polo visto onte en Balaídos e a pesar da súa moi boa situación na táboa clasificatoria, un equipo vulgariño que agasallou toda a pelota o Celta e apenas pretendeu defenderse agardando poder estricarse nun par de contragolpes. Ninguén pode dubidar que os de Eusebio foron superiores, moi superiores aos vallecanos en todos os aspectos do xogo e durante a totalidade do encontro. Porén a desesperante inmadurez da nosa tripla de dianteiros na decena de ocasións claras que marraron e algúns erros imperdonables de Pino Zamorano noutras (árbitro tan ruín en segunda coma en primeira división) impediron unha máis que merecida vitoria celeste. Desta volta sería inxusto criticar ao adestrador e ao seu cadro pola falta de actitude amosada en partidos anteriores. Neste eido a mudanza foi radical e de grande afouteza. Eusebio dispuxo un equipo atacante cen por cen, colocando a tres dianteiros natos arriba (os tres mociños, Aarón, Joselu e Iago) e a dous mediocentros pouco defensivos (os veteráns Danilo e Trashorras), axudados todos os cinco polas subidas frecuentes dos laterais (Botelho e Mallo). Con semellante debuxo tan atrevido sobre a lameira, asegurado pola fortaleza dos dous centrais (impecables Catalá e Jordi ao longo dos noventa minutos) e dun único medio centro defensivo (López Garai), os nosos asediaron á meta de Cobeño dende o primeiro minuto, no que Aarón estragou un bo servizo de Mallo. Durante a primeira parte, as ocasións máis claras diante da portaría madrileña apareceron nas máis das veces nas biqueiras de Joselu (un xogador que non acaba de callar, a pesar das escintilacións de calidade coma que amosa intermitentemente) e nos saques de recanto moi ben rematados polos nosos centrais. Neste período o Celta conducido devagariño pola batuta de Trashorras aseñoraba o encontro, os visitantes fixeron un único contragolpe no minuto vinte e oito, mais non atopaba a verea do gol. Na segunda parte, non variaron as tornas, e os nosos seguiron tocando e tocando con moita cachaza, quizais con cachaza de máis. Axiña chegaron novas oportunidades para Aspas, Aarón (onte o máis atrevido dos nosos dianteiros) e Joselu que recuncou na súa adoita desventura. Faltando vinte minutos, Eusebio decidiu sacar do terreo a Iago Aspas e dar entrada a Dani Abalo. Un erro de apreciación, xa que os problemas non estaban en rachar máis polas bandas, e, si pola contra, na incapacidade rematadora polo centro. Un par de ataques vallecanos no derradeiro cuarto de hora provocaron o pánico na bancada, decepcionada, ademais, polo gol anulado a Joselu, por un mais que dubidoso fóra de xogo. Coma noutras xornadas, o empatiño amosouse coma un mal menor. Mesmo rematou o encontro cos afeccionados aplaudindo os nosos no círculo central coma non lembrabamos. A actitude amosada foi excelente, o xogo bastante bo, só faltou o gol. A pesar destas boas sensacións, non debemos enganarnos, para manter a categoría non abonda con empates, precisamos marcar goles e obter vitorias. Cando chegarán?