Campo do Fragoso LXXX
SE NON HAI VENTO, BOGAR
O encontro da primeira xornada é sempre decisivo xa que adoito sinala os niveis de expectativa para toda a tempada: loitar polo ascenso ou pola permanencia. Magoadamente onte o Celta non foi capaz de rachar esa tendencia negativa, consolidada nos últimos campionatos de segunda división, que lle impide estrearse cunha vitoria diante dos seus seareiros. Sucedeulle hai dous anos ao Celta de Stoichkov, que prometía subir nun pis pas e xa naufragou de saída diante dun Córdoba recén ascendido. Repetiuno o pasado agosto o Celta de Pepe Murcia e Ramón Martínez, que tras as boas vibracións da pretempada foi claramente superado polo Girona, outro recén ascendido. Consolidouno este Celta de Eusebio Sancristán e Miguel Torrecilla con claras aspiracións na pretempada que diante dun Numancia recén descendido comprobou as enormes dificultades desta categoría de prata onde cada un dos erros defensivos ou atacantes se paga a prezo de ouro. A verdade é que o encontro cos sorianos constituíu un auténtico baño de realidade para o cadro de xogadores, técnicos e directivos, como para os seareiros celestes. Polo que se viu onte en Balaídos, este novo Celta de Eusebio e Torrecilla non o vai ter máis doado que aqueloutros de Stoichkov ou Pepe Murcia. A primeira parte foi para esquecer. Durante un bo treito, o Celta quixo dominar, mais o seu trivote de mediocampistas (Bustos, Michu e Trashorras) non xiraba dabondo para proporcionar balóns con ideas á nosa inédita tripleta de dianteiros noviños (Abalo, Joselu e Toni). Aos numantinos abondoulles apenas agardar ben organizados nas súas tres liñas para ir preparando as súas chegadas e as súas moi medidas xogadas a balón parado, sobre todo os seus perigoso saques de recanto. Coa reanudación, o Numancia adonouse do encontro, sobre todo a partir dun fallo garrafal de Sergio Ortega, un dos centrais celestes, que permitiu ao dianteiro Iñigo Vélez rematar un contraataque de libro. Afortunadamente, o Celta respondeu decontado, aos cinco minutos, cun golazo de Trashorras que tras unha xogada persoal no medio do campo colocou na mesma escuadra un cacheirón que enviou dende vinte metros. Conseguido o empate, que parecía o máis difícil, os nosos tiveron os seus mellores minutos de empuxe, que non souberon traducir en ocasións de auténtico perigo. Cando xa parecía que o empate sería o resultado máis xusto pola actitude e os méritos duns e outros, unha xenialidade do mediocentro Dimas desequilibrou a balanza no prato dos numantinos. Por riba, uns minutos despois, tras outro esforzo de recuperación, o internacional Joselu (desafortunado ao longo de todo o partido) estragou unha oportunidade de ouro para volver empatar. Dous erros graves, un defensivo e outro atacante que lle custan ao Celta tres puntos. Un balance que algúns poden considerar demasiado severo, mais inapelable na lóxica deste deporte. É innegable, ademais, que este novo Celta pode ter moitas boas posibilidades futuras, mais tamén o é que onte amosou moi preocupantes carencias na súa dianteira. Polo momento, válenos o dito mariñeiro, «se non hai vento, bogar».