Campo do Fragoso LXVI
O CELTA MÁIS GALEGO
Ao Celta abondoulle unha magnífica primeira parte para vencer con claridade ao Salamanca, o actual líder deste frouxísimo campionato de segunda división, consolidando paseniño a súa remontada na táboa clasificatoria e a súa serie de nove partidos oficiais sen coñecer a derrota. Unha boa noticia. Arrincou este Celta, o máis galego que recordamos en moito tempo (cinco xogadores no cadro inicial), moi concentrado e presionante, interferindo dende o medio centro as liñas de pase do rival, que non conseguía dar dous pases con xeito. Ademais, no primeiro cuarto de hora, as subidas polas bandas do magnífico Dani Abalo (moi ben apoiado por un, afortunadamente, recuperado George Lucas) e de Ghilas crearon varias ocasións de perigo. Pouco despois, un bo pase interior de Trashorras permitiu a Dinei realizar un centro con moita rosca que un defensa, tratando de despexar, axudou a introducir na súa propia meta. O gol apupou aos celestes que continuaron co control do xogo durante outro cuarto de hora, para, logo, embarullarse no centro do campo ata o descanso. Porén, a segunda parte foi maliña, aburrida ao comezo e moi agobiante ao remate. Os visitantes, que ata entón non foran capaces de chegar en ocasión ningunha á área céltica, adiantaron un chisco as súas liñas e aseñorearon o encontro, o que motivou un repregue ultradefensivo celeste, ordenado polo seu medroso adestrador. Aínda que as numerosas chegadas salmantinas nunca tiveron perigo (semellaba incomprensible que este equipiño encabezase a clasificación), a inquedanza foi progresivamente aumentando na bancada, sobre todo, no comezo do derradeiro treito do partido, cando Roberto Lago foi expulsado por unha parvada de colexial, e os nosos quedaron en inferioridade numérica. A oportuna entrada de Óscar Díaz proporcionou o alento e a mordacidade da que carecían os célticos; un seu espectacular longueirazo, realizado en carreira e dende trinta metros, puido acougar o partido. Os cinco minutos de desconto foron infartantes, un pasacorredoiras no que a pelota circulaba coma tola dunha a outra área. Foi entón cando apareceu Trashorras, un xogador tan xenial coma aparentemente indolente (promete crear a inevitable polémica dos xogadores descontinuos que agachan no pé unha luva), que enganchou un balón no aire, dende fóra da área, e o enviou coma un misil entre a cruceta dos paos. Magnífico! Un dos mellores goles que temos visto nos últimos anos en Balaídos. Abandonamos o estadio cantando «Miña terra galega», o himno de Siniestro Total (todo un acerto do novo locutor), con esperanzas renovadas. Nesta segunda, todo está moi aberto.
Alegrome por vostede dende Coruña, por fin gaña o “seltiña”.
Da cancion de siniestro k vostede cantou, eu prefiro a orixinal de Lynyrd Skynyrd.
A.Coruñes