Campo do Fragoso II

DISCIPLINA E PACIENCIA
Vázquez demostrou no Bernabeu que, contando con doses suficientes de concentración e paciencia no control do tempo de xogo, esta tempada o Celta fóra do Campo do Fragoso tamén pode ser un equipo temible. A proeza de batir na propia casa ao Madrid foi posible grazas a un primeiro cuarto de hora primoroso no que os de Fernando amosaron a súa vontade inequívoca de despregarse con valentía sobre o terreo, fuxindo de calquera táctica medúlica de achantarse diante de Pinto agardando as temibles xenialidades dos galácticos. A partir do primeiro gol de Contreras (daba xenio velo tan entusiasmado), o ritmo criterioso na distribución da pelota de Borja Oubiña (a pesar da súa escasa participación no encontro, cando tocou o fixo dunha banda a outra cunha autoridade asombrosa) e o traballo defensivo infatigable de Iriney e Sergio (o mellor dos celestes, impecable na colocación e no corte), permitiron as trasnadas intermitentes de Canobbio e facilitaron as constantes subidas ata o córner de Núñez, que toleou ao pobre de Roberto Carlos. Os medios capitalinos –embobados polas bicicletas espectaculares de Robinho (a verdade é que o rapaz paulista xoga de marabilla)– recorren vergonzosamente á actuación arbitral para xustificar o desconcerto do seu millonario equipo, incapaz (sobre todo dende a saída de Gravesen “o leñador”) de facerlle fronte á disciplina táctica e á convicción dun cadro humilde como o noso. En Chamartín, o teimoso traballo en equipo arruinou a xenialidade das estrelas da radio.

5 comentarios
  1. mourullo
    mourullo Dice:

    Non lembro que Santiago Segurola sexa do Real Madrid, máis ben do Athletic de Bilbao. E non hai que ser capitalino para decir que o gran protagonista do partido de onte foi o árbitro. Pódese, incluso, ser simpatizante do Celta. Sen vergonza.

  2. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Mourullo, non entro a discutir iso, nin sequera a xustificar que a pelota entrou (que na tele se ve claramente que non o fixo). Entendo que isot non abonda para xustificar o desconcerto do Madrid, que non foi quen de desfacer a tea, tan incómoda que foron tecendo os de Fernando. Un equipo de estrelas ten que sobrepoñerse a unha posible “inxustiza” arbitral. Por que non fala Segurola (un tipo que escribe de marabilla, sinto contradicirche que o vexo tan madridista como formalmente do Athletic) da falta non sinalada a Gustavo no segundo gol do Madrid ou da dubidosa posición de Baptista antes do seu proecioso remate de cabeza. Non pretendo nin podería ser totalmente obxectivo nos meus comentarios. Coñeces a alguén que o sexa neste terreo? Creo que é posible deixar campo aberto para o subxectivismo nestes eidos do simbólico. O fútbol, a pesar de que mova un negocio formidable, para os espectadores non deixa de ser un xogo de pelota que serve para consolarnos. Ou non?
    Saúdos e obrigado polo teu comentario.

  3. mourullo
    mourullo Dice:

    Non quero parecer do Segurola’s Fan Club pero el di “Se equivocó en el segundo tanto del Madrid -no pitó la falta a Gustavo López-, en su condescencia con Gravesen -le permitió varias acciones violentas- y en el gol de la victoria del Celta. Casi nada.”, aínda que tamén é certo que anteriormente fala de “Se equivocó mucho y concedió un gol inexistente al Celta. El de la victoria, nada menos. Todo lo demás resultó casi inapreciable ante la magnitud del error.” Ese “inapreciable” pode ben ser molesto nesta parte do Padornelo.

    Obrigado pola súa atención.

  4. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Desculpe, Mourullo. A lectura na pantalla do artigo Segurola, deixoume atrás a referencia que fai a Gustavo. Non teña medo en formar parte do clube de fans de Segurola, para min, xunto con Xosé Hermida, o autor das melloras crónicas futbolísticas. Novos saúdos.

  5. hojasdehierba
    hojasdehierba Dice:

    Nós fomos mirar o partido a un bar aquí en Extremadura… e todo quisque pensaba que eramos do Barça :-P.
    Menos o dono do bar, que coñecía a un dos meus amigos e o felicitou ao saír.
    Saúdos.

Los comentarios están desactivados.