Campo do Fragoso CXLVIII

XOGO CORAL

O fantástico partido do Celta da noite do luns demostrou que no vello Balaídos a calidade do xogo valórase tanto coma os resultados. Ao Celta só lle faltou marcar nun encontro no que o seu xogo coral se achegou aos umbrais da excelencia e aos territorios das belas artes. A pesar do empate sen goles, os seareiros celestes agradeceron o recital e a entrega incondicional do seu equipo coa mesma euforia das noites de vitorias. Un feito infrecuente e admirable que demostra a madurez acadada pola afección celeste. Tras o mellor partido do que levamos de tempada, marchamos para cama coa ledicia dos días grandes, xa que este Celta de Luis Enrique de 2014, non me doen prendas dicilo, é moito Celta, moito, capaz de desenvolver o mellor xogo das últimas tempadas.

Foi marabillosa a primeira hora do Celta fronte ao Athletic Club, o cuarto clasificado, aspirante á futura Champions, un dos equipos máis respectados en Vigo. A clave estivo no papel de Krohn-Dehli, que substituíu no mediocentro a Oubiña, capaz de dirixir o equipo cunha maior intensidade e velocidade coa que o viña facendo até agora o noso admirado capitán. O internacional danés, ao que sabemos lle gusta participar de forma continuada no xogo, contaxiou coa súa actitude xenerosa aos seus compañeiros, despregando unha fervenza de xogo combinativo, imprimindo un ritmo endiañado nas recuperacións e nas axudas, provocando cambios constantes de orientación, accións que a modiño foron dobregando a un solidísimo Athletic. Dirixido por Krohn o Celta ganduxaba o xogo nas súas tres liñas.

A primeira oportunidade de gol do partido tardou en chegar case un cuarto de hora, cando Santi Mina enviou una volea pretiño do pao dereito. Despois foi Rafinha quen puido marcar cun pexegazo enviado dende o centro da área, mais que o porteiro bilbaíno desviou cunha man milagreira. Ambas as dúas xogadas decisivas naceran da biqueira máxica de Fabián Orellana, o mellor do partido, o dono da banda esquerda, un auténtico valadar defensivo, mais tamén unha coitela atacante. Ao longo da noite a bancada coreou o nome do resucitado internacional chileno en diversas ocasións, lembrando aquel “xogo de salón” de Mostovoi e Karpin que enfeitizou Balaídos a fins do século pasado. As combinacións trazadas por Orellana con Jonny, Charles e Rafinha foron algún dos momentos máis fermosos da noite. O lanzamento ao pao de Charles, minutos antes do descanso, foi a xogada que fixou a deriva do partido: o Celta ofrecía unha primeira parte memorable, mais os ventos do gol non lle eran propicios. Tras a reanudación, a xenerosidade no esforzo comezou a pasarlle factura aos galegos. O Athletic recuperou a iniciativa despregándose por toda a lameira, o que lle permitiu contar cun par de boas oportunidades. Porén, o Celta non se rendiu, dosificou as súas escasas forzas para os dez minutos finais, emocionantes polo incerto do resultado, onde o balón volveu correr dunha a outra portaría. Rafinha debeu marcar faltando dous minutos e Bermejo tivo a vitoria nunha cabezada na derradeira xogada do desconto. Non puido ser.

Este Celta de Luis Enrique aseméllase cada vez máis ao que o adestrador foi como xogador, un auténtico fervello, moi xeneroso no traballo, incansable e teimoso na procura do gol, inasequible ao desánimo. Este é o estilo que vai consolidando este Celta pelexón, que nunca baixa do cincuenta por cento de xogadores de casa, mais que nunca renuncia a sacar a pelota xogada dende a defensa e intenta combinar e crear sentido. Luis Enrique aposta pola disciplina do xogo coral, sen renunciar ao alustro de creatividade e fantasía proporcionada por xogadores como Rafinha e Orellana. O que vimos fronte ao Athletic nunha noite que lembraremos, a pesar de non marcar.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *