Campo do Fragoso CLVII

FARO CHAPELALARRIVEIRAZO

Ao Celta non lle fixo falta a intensidade de partidos anteriores para gañar con claridade ao Levante, un deses ósos sempre moi duros de roer en Vigo. O equipo noso consolida na táboa de marcas un inicio de tempada marabilloso. Con 16 puntos na primeira cuarta parte da competición, semella posible aspirar a unha campaña acougada na que poidamos gozar dun Celta situado nese grupiño intermedio de equipos xeitosos que á altura da primavera soñan con ter posibilidade de acceder ás prazas da Europa League.

Estreouse Lucas Alcaraz no banco levantino dispoñendo dúas liñas de muralla, un sistema de contención co que pretendía reducir a mobilidade de Krohn-Dehli, o director de xogo do Celta, que coma Xavi Hernández no Barcelona, marca os tempos e inicia o despregue das diversas variantes do noso ataque. E a verdade que ao Celta custoulle máis de vinte minutos abrir espazos para as carreiras do internacional dinamarqués. Notou a ausencia de Fontás e o seu decidido paso adiante en cada unha das aperturas de xogo, como sufriu a timidez de Mallo e Jonny para atravesar a liña do medio campo, máis pendentes de pechar aos levantinos polos laterais.

A pesar destas dificultades, o Celta non perdeu a paciencia e as aparicións intermitentes e de grande calidade de Pablo Hernández foron abrindo os primeiros furados. Da luva esquerda do Tucu naceu a primeira gran chegada celeste. Pouco despois, o primeiro larriveirazo, froito dunha longa xogada combinativa. Dende o centro, Krohn deliñou unha diagonal de trinta metros que Santi Mina recibiu á altura do recanto dereito da área grande; o canteirán caneou co tacón ao seu marcador para entregar a pelota a Hernández que cun só toque da súa esquerda a pasou entre os defensas para que Larrivey marcase ao límite do fóra de xogo. Un gol marabilloso.

Coa táboa de marcas por diante, o Celta tivo os seus mellores minutos. Nolito, na plenitude da súa confianza, ensaiou unha das súas xogadas, a entrada en diagonal polo recanto da área para filtrar dentro o balón que Larrivey cruzou en carreira uns centímetros de máis sobre o pao dereito. Outra xogada fantástica polo seu deseño execución.

Fose pola escasa resposta atacante do rival coma pola dificultade da defensa propia para a apertura do xogo ao pé, os de Berrizzo foron perdendo o seu fulgor e caeron nunha longa fase de apatía que se prolongou até ben entrada a segunda parte. Cando o partido esvaraba nos territorios do aborrecemento, a fortuna aliouse cos galegos. O formidable cacheirón de Ivanschitz bateu no longueiro. Unha xogada decisiva que puido levar ao empate mais que serviu para sacar ao Celta da súa rotina. A entrada de Álex López na lameira foi decisiva para a recuperación do entusiasmo atacante. Do ferrolán naceu o segundo larriveirazo, outra marabilla combinativa. Na liña de medio campo un dos nosos defensas recuperou co peito o balón sobre o ferrolán quen sen deixalo caer se inventou un globiño para que Nolito ensaiase outras das súas fantasías preferidas e máis gabadas pola bancada de Balaídos: carreira, parede e xute envelenado dende a esquerda sobre o pao longo. Unha secuencia de xogo que nesta ocasión provocaría un rexeitamento in extremis de Diego Mariño aproveitado polo oportunísimo Larrivey para marcar a pracer. O terceiro gol, tamén de fermosa fasquía coma os larriveirazos anteriores, chegou co rival vencido, froito da confianza de Álex que ensaiou un xute lonxano dende a frontal que se lle embarullou nas mans ao desafortunado gardarredes vigués do Levante.

Este Celta de Berizzo ilusiona pola súa vontade de desenvolver un xogo combinativo e fermoso, mais tamén polos seus resultados, froito dunha boa capacidade competitiva, tanto en casa coma fóra, onde continúa invicto. Saímos de Balaídos contentos.

Foto: Marta G. Brea.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *