Campo do Fragoso CCIV

ASPAZO

Abondoulle onte media hora ao Celta para rematar cunha década de frustracións diante dun Atlhetic que fixera de Balaídos un dos seus campos preferidos, onde dende 2003 sempre levaba algunha renda que facía máis agradable a viaxe de regreso a Bilbao da súa afección, unha das máis respectadas en Vigo. E fíxoo grazas a tres goles de moitos quilates, froito dun cuarto de hora electrizante, que demostraron a facilidade do cadro de Unzué para interpretar á perfección un xogo directo do que había moito tempo careciamos na lameira nosa, ao tempo que pór en evidencia neses minutos as carencias defensivas dun visitante en horas baixas.

Tras dous meses e medio de liga, comeza a coñecerse o estilo de Unzué baseado na pretensión teimosa de gañar a superioridade dende atrás, o que supón para o porteiro e para os defensas, como onte se puido comprobar en moitas ocasións, asumir moi importantes riscos na posta en marcha do xogo. Xaora, a pesar dalgúns sustos, ao que non foi allea a presión bilbaina, non se lle pode negar ao adestrador navarro o éxito da súa estratexia, capaz de provocar onte cinco grandes xogadas colectivas das que tres finalizaron en gol, sen dúbida, unha porcentaxe de eficacia óptima.

O primeiro gol chegou pasado o primeiro cuarto, froito dunha longa posesión celeste finalizada cun centro moi longo e moi medido á banda esquerda de Pione, un xogador cada vez máis desequilibrante neste tipo de toques delicados, cabezado nunha dificilísima volea polo noso central Sergi Gómez, que moi poderoso se coou na área entre dous dos defensas vascos que estaban a velas vir. Un gol de excelente fasquía que abría a táboa de marcas, que dous minutos despois puido aumentar o propio Pione cun gran xute sobre o pao longo, despexado por Kepa con moitos apuros.

O segundo gol naceu no 23 na biqueira de Fontás que lanzou un globo que Iago conseguiu gañar en velocidade ao central, finalizando cun xute moi ben direccionado sobre o pao esquerdo, ao que desta volta non chegou Kepa. E tres minutos despois, co Celta enchufado con toda a súa voltaxe, consolidouse o aspazo co segundo do Mago de Moaña, que superando outra vez por velocidade ao central cabezou ás redes un centro de categoría superior de Daniel Wass.

Xaora, cómpre recoñecer que o Atlhetic con táboa de marcas tan adversa e faltando aínda por diante unha hora de xogo non se rendeu. Cando adiantou a liña de presión sobre a saída do balón celeste, non lle foi difícil abrir as primeiras fendas na dubidosa defensa galega. Así chegou antes do descanso o excelente gol de Raúl García, un xogador que resulta sempre tan eficaz para o seu equipo como antipático para os seus rivais. Mais o peor para os nosos chegaría tras a reanudación, cando se incorporaron Aduriz e Iturraspe que conseguiron recuperar o control do xogo para o Atlhetic e colocar a defensa celeste sobre as cordas. Unha intervención providencial de Rubén, que parou sobre a propia liña unha cabezada de Laporte, e outra de Núñez que saíu lixeiramente desviada, puideron apretar a táboa de marcas.

Mais tamén é certo que cando faltaban menos de dez minutos, tivo Iago a posibilidade de acadar a súa tripleta histórica, cando nunha das súas subidas ao galope pola banda debuxou coa biqueira esquerda unha volea de precisión sobre o marco que superou a Kepa, mais que quedou lixeiramente alta, por riba do longueiro. Unha mágoa, xa que de marcar o noso internacional conseguiría un auténtico e xenuíno “hat-trick”, é dicir, un gol de cabeza, outro co pé dereito e outro co esquerdo.

A pesar da irregularidade do seu xogo defensivo, sobre todo na segunda parte, é innegable que o cadro de Unzué amosa contar cun aprezable poder de contención no medio do campo e cunha moi poderosa pegada atacante, sobre todo cando Iago Aspas, onte o mellor na lameira, conta con espazo por diante para afrontar todos os retos posibles do gol.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *