Bibliotecas, Lectura, Edición (Conclusións)
Quedáronnos atrás as conclusións elaboradas pola AGE tras o IIIº Simposio O Libro e a lectura. Reproducímolas polo seu indubidable interese:
- A práctica lectora configúrase dende hai tempo coma un dos termómetros básicos para medir o nivel de desenvolvemento social, económico, político e cultural das sociedades. O acceso aos libros por parte da cidadanía é unha necesidade obxectiva que cómpre atender axeitadamente. O libro e a lectura son axentes básicos de socialización e, por tanto, elementos fundamentais na construción dunha Galicia nova.
- A lectura pública é un servizo necesario que a Administración e os poderes públicos deben considerar dun xeito regular e constante nos seus planos estratéxicos. Tal servizo, con carácter universal e igualitario, debe atinxir á totalidade da poboación, por riba de diferencias sociais, económicas, ambientais, culturais ou xeográficas, xa que está profundamente vencellado á formación do capital humano, á cualidade democrática e participativa dos individuos e das sociedades, e á capacidade de desenvolvemento das mesmas.
- Os arredor de 430 puntos de lectura que constitúen na actualidade a rede de Bibliotecas Públicas de Galicia non están suficientemente dotados. O 45% dos fondos bibliotecarios quedaron hai tempo obsoletos. Os recursos económicos para a adquisición de libros está moi por debaixo das medias europeas e mesmo da media española. Cómpre unha actuación decidida na dotación de recursos bibliotecarios, e cómpre facelo dun xeito constante e anual, contando cos profesionais da lectura pública, e integrados nos orzamentos das consellerías correspondentes.
- Sen unha xeitada rede de servizo de lectura pública, dotada de espazos, persoal cualificado e medios, tal como sucede nas sociedades desenvolvidas do noso contorno, non parece posible un deseño de modernización da sociedade galega consonte as necesidades do século XXI.
- Complementarias ás Bibliotecas Públicas son as Bibliotecas Escolares, factor capital no desenvolvemento dun sistema educativo renovado e homologable a outros modelos do noso contorno. Conscientes de que os pasos a dar deben ser progresivos, invitamos aos poderes públicos a un pronunciamento decidido a prol da dotación de recursos dentro do sistema: bibliotecas escolares, ben dotadas e ben atendidas, en todos os centros docentes sen exclusión, como parte da estratexia educativa; centros de documentación, información e acceso ao coñecemento, dirixidos moi especialmente ás novas xeracións. Consideramos necesaria, xa que logo, a creación dun corpo de profesionais especializados neste tipo de servizo dentro dos centros, conectados en rede nun programa xeral de aproveitamento de recursos e documentos, non só para o soporte tradicional do libros senón en todo canto atinxe ás Novas Tecnoloxías (TIC).
-
Dende a Asociación Galega de Editores ofrecemos os nosos servizos, atencións, coñecementos e apoios, ás iniciativas de desenvolvemento e fortalecemento da rede bibliotecaria e das estratexias a prol de animación á lectura, conscientes da súa importancia na construción dunha Galicia instalada de seu nas necesidades do século.
Asumimos como reto a necesidade de diversificar as nosas liñas editoriais, mesmo abríndonos aos novos soportes da edición, posibilitando deste xeito o fornecemento á rede bibliotecaria dos materiais necesarios en lingua galega.
O coñecemento dos novos soportes de edición e as súas posibilidades, a busca de solucións imaxinativas que permitan superar atrancos, e a consecución dos apoios necesarios que fagan viables novos proxectos, convértense en tarefa urxente para o sector editorial galego e a industria cultural.
Apoiamos aos profesionais da biblioteca na procura dun espazo estable dentro do sistema cultural, educativo e de servizos á sociedade, na medida en que son parte decisiva na formación do capital humano e na implementación da Sociedade da Información e o Coñecemento.
Animamos a implementar decididamente as Novas Tecnoloxías da Comunicación no servizo bilbiotecario, conectándoo cos recursos dispoñibles e mais cos que poidan xurdir, así como co resto dos axentes do libro e a lectura, moi especialmente os libreiros.Santiago, 17 de novembro de 2006