As caixas de aforros desaparecerán

Tras a aprobación do Decreto que reforma a Lei de Caixas do Goberno Central (LORCA), semella que  as caixas de aforros desparecerán, tal como as coñecimos até agora. Ben sei que o proceso de bancarización afectará antes a unhas entidades ca outras; son consciente, ademais, que no caso das caixas galegas o seu proceso actual de fusión disuadirá, quizais durante un tempiño, a entrada de capital privado; no obstante, non se pode agochar que no contexto das durísimas medidas de axuste ordenadas polo FMI o futuro para estas entidades de aforro de carácter semipúblico xa é, moi, moi escaso. Despois da ledicia que supuxo para todos o inicio do proceso de constitución da Caixa Galega (o proceso utilizado para bautizala podería ser, en si mesmo, indicativo de por onde podería ir o seu futuro a medio prazo), o primeiro dos acordos económicos entre Zapatero e Rajoy (desenténdéndose das competencias que sobre a materia puidesen ter as CC.AA.) pode levarse por diante o carácter público da entidade fusionada, o que constituiría unha pésima noticia para Galicia. Semella que a hipótese máis negativa que manexamos hai uns meses pode verificarse: primeiro se realizarían as fusións das entidades e logo se procederían a súa privatización (bancarización). Alguén (dende o presidente Zapatero ao presidente Feijóo) debería dar explicacións á cidadanía do que está sucedendo e das razóns desta previsible desmontaxe (cos cartos públicos do FROB) de tan importante ferramenta financeira, indispensable para o desenvolvemento do noso tecido empresarial e para a vitalidade da nosa industrial cultural. Quedará outra vez a cidadanía a velas vir?

2 comentarios

Trackbacks y pingbacks

  1. […] This post was mentioned on Twitter by Manuel Bragado. Manuel Bragado said: Äs caixas de aforro desaparecerán», anotación no blog, http://bretemas.blogaliza.org/2010/07/11/as-caixas-de-aforros-desapareceran/ […]

Los comentarios están desactivados.