Aí vén o maio
Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á festa dos maios:
Hai poucos días falando co ilustrador Evaristo Pereira sobre a celebración da festa dos maios no Vigo vello, xurdiu, inevitablemente, “Ahi ven o maio” (1975), a canción memorable de Luís Emilio Batallán, un dos himnos da nosa xeración, da que, por certo, entre outras moitas, hai unha versión ben fermosa do autor e Pablo Milanés en Luar (2013). Xaora, Pereira insistiume na actualidade do texto da canción, o poema “O maio”, incluído por Manuel Curros Enríquez en “Aires da miña terra” (1880), que, coma sucede tantas veces en “Cantares gallegos” (1863) de Rosalía de Castro, comeza cuns versos populares (“Aí vén o maio / de frores cuberto…”), referidos á festa popular dos maios, da que despois fará unha cumprida glosa: “Puxéronse á porta cantándome os nenos / e os puchos furados para min estendendo…”.
No entanto, como sinalan os profesores Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel, baixo a aparencia de composición costumista, neste poema sobresae o tema cívico e político, xa que Curros identifica a voz en primeira persoa do poeta coa de Galicia, o asoballado pobo galego “para o que non hai maio” e para o que cómpre cantar “un maio sen bruxas nin demos / un maio sen segas, usuras e preitos…”. Versos que non era alleos á calamitosa situación do campesiñado galego da segunda metade do século XIX, sometido a severidade dos foros e os seus xuros, ás penalidades da emigración e á prepotente posición da Igrexa en cada parroquia, situacións que o poeta de Celanova denunciaba con afouteza, non exenta dunha certa impotencia e desacougo.
Nesa tradición cívica da poesía currosiana, a pesar de que xa é un feito a desaparición da cultura agraria galega, non perdeu sentido a celebración da festa dos maios nas nosas cidades e vilas. O Maio simboliza o renacer da vida e das plantas, o comezo do ano agrícola e gandeiro, a ledicia de que o sol alumee con forza, a intención de afastar as pragas, as doenzas dos animais, as xeadas, as treboadas e outras adversidades. Cada comunidade facía o seu Maio para exaltar o renacer do ciclo da vida, para festexar a morte do inverno, para expulsalo e para anunciar o agromar da primavera. Esta festa popular de culto á primavera, á vexetación, ao amor, á boa sorte remóntase á noite dos tempos. A súa orixe atópase nos ritos das sociedades neolíticas, perpetuados nas festas de Ceres da tradición greco-romano, que adoptaron manifestacións diversas en toda Europa, dende Suecia e Alemaña até os países mediterráneos. En todos estes países, os seus maios son a festa da esperanza.
Diversidade presente tamén no país de noso. En cada lugar de Galicia o Maio vai ser diferente, nunha tradición de vello que vén de Prisciliano e Martiño de Dumio. Non existen regras para a súa construción e ornamento, aínda que se adoitan utilizar paos e bimbios para a estrutura (na que non se empregan cravos) e para a decoración elementos naturais como musgo (en Ourense), fiuncho (en Redondela), xestas, carrabouxos, barazas, bugallos, pampullos, laranxas bravas, cascas de ovos, margaridas, rosas e outras flores. Os maios máis enxebres son os figurativos, de forma cónica ou piramidal, imitando árbores, aínda que cada vez son máis frecuentes os artísticos que adoptan formas de canastro, campanario, pazo, apeiros de labranza ou construcións significativas de cada zona. Tanto uns coma outros van rematos cun bo ramo ou coroa. Mais tamén existían os maios humanos, un Maio ou unha Maia vestida de pés a cabeza con motivos vexetais.
Sen esquecer, que os maios son un tempo para a crítica e un certo escarnio sobre todo aquilo que o merece. Para iso están as coplas (tamén bautizadas como “os maios”) de sabor poético popular, intención social e carácter irónico e satírico, como acontece tamén coas do Entroido: “Nesta nosa Reboreda/ trouxeron un crego novo/ que arregla a igrexa / con cartos de todo o pobo”. Estas coplas posúen unha métrica e un ritmo moi preciso sendo acompañadas, cando van ser cantadas, con golpes de paus (como se fai en Redondela) ou batendo no chan con fungueiros e estadullos (como acontece en Pontevedra). Coplas, compoñentes esenciais da festa, que tradicionalmente se vendían ao longo do desfile coa intención de financiar o Maio e contribuír á merenda, unha vez tirado.
Os maios teñen unha xeografía de seu, na que salientan localidades como Redondela, onde se celebran o primeiro de maio, e Ourense onde se fan o 3, coincidindo coa festa relixiosa da Santa Cruz. Xaora, o feito de que fosen anovados como festa primaveral da esperanza en case todo o país, mesmo en cidades como Pontevedra, Vigo, A Coruña ou Vilagarcía, supón un valioso exercicio de autoestima colectiva. Aí vén o maio de esperanzas cuberto.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir