Apróbase o «Decreto Feijóo»: día triste para o futuro do idioma
O anuncio de Feijóo, tras a reunión do Consello da Xunta, da aprobación do «Decreto de Plurilingüismo» que reduce a utilización do galego como lingua vehicular no sistema educativo non universitario, a pesar de que non nos pillou por sorpresa, esmaga o noso ánimo. Coa excepción da retirada (polo momento) da consulta aos pais, motivada polo contundente lección do Consello Consultivo, Feijóo anunciou hoxe escasas novidades.
Sen menoscabo dunha lectura atenta do documento (que aínda non localizamos na rede e que parece se publicará no DOG nos vindeiros días), semella polas infromacións de prensa que máis ou menos todo seguirá como se presentara no borrador: o emprego do galego retrocede na Primaria e Secundaria (as matemáticas e as materias científico-técnicas en galego serán as grandes sacrificadas); en Infantil a «consulta» ás familias transfórmase en «pregunta sobre a lingua materna»; aválase o desafío do alumnado ao criterio pedagóxico e á autoridade do profesorado na aula, en base a esa suposta «liberdade» para dirixirse ao profesorado e realizar os exames na lingua que lle pete.
Non imos insistir na opinión que semellantes medidas nos merecen nin nos argumentos que manexamos dende hai un ano neste espazo para rebatelas nin enunciar aqueloutros emanados da autoridade de institucións como a RAG, o Consello da Cultura Galega ou o Consello Consultivo. Feijóo, refén dos sectores negacionistas do seu partido, non quixo escoitar estas voces autorizadas e preferiu aprobar un decreto nefasto para o futuro da lingua en completa soidade, sen contar nin sequera cos parabéns dos colectivos negacionistas aos que sempre pretendeu conformar. Algo que, polo menos, debería axudalo a reflexionar sobre o enfoque errado de todo o proceso.
Coa implantación deste decreto, enxérgase un futuro aínda máis gris para o galego e un conflito longo e complexo que continuará nos Tribunais de Xustiza, onde o «Decreto de Feijóo» (así pasará á historia da lingua nosa) pasará un moi difícil exame. As feridas quedan moi abertas no seo da sociedade civil galega, decepcionada pola ruptura que o Partido Popular de Galicia realizou dun consenso de tres décadas arredor das políticas de «normalización» (unha palabra a reivindicar, tras a lección do Consello Consultivo no seu informe) do galego. Hoxe, parafraseando o que lle temos escoitado noutro contexto ao profesor Alonso Montero, os milleiros e milleiros de cidadáns galegos que acreditamos na lingua de noso fomos derrotados, mais sabemos que defendemos unha causa tan noble coma invencible. Nesa teima seguiremos de forma entusiasta até o lirismo os galeguistas, conscientes de que a nosa tradición pacífica, liberal, universalista e democrática é o mellor argumento para a defensa das razóns do galego.
Podemos considerar este movemento como unha derrota, mais a loita aínda non rematou. Feijoo acaba de gañar un lugar nos primeiros postos dos persoeiros máis nefastos para o noso país.
Veremos que fai este país nas próximas citas electorais. Calquera cidadán galego orgulloso de selo (incluídos estes que alguén deu en chamar “Os da boina”) debera de votar a calquera opción política que non sexa a deste imbécil. Pero moito me temo que non será así. Todo se perdoa. Por outra parte, está ben claro que moitos pais, aínda sendo galeguistas no sentido máis amplo desta palabra, esquecen que a única forma de defender o galego é falandoo e transmitíndollo ós seus fillos.