Andoriñas ameazadas
Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a situación da ameaza que viven as aves:
Oculta entre a faramallada informativa provocada pola intervención do 155 en Cataluña e polos procesos xudiciais de corrupción en marcha, lin esta fin de semana unha noticia que tamén me pareceu moi preocupante para o futuro: “O 37 por cento das aves que se reproducen en España reduciu a súa poboación de forma lenta e continua”. Este é un dos datos máis significativos presentados pola Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife) no Congreso Español de Ornitoloxía dedicado ao futuro das aves comúns que se celebrou a comezos de mes en Badaxoz. Nun informe moi inquedante SEO revela que reducen as súas poboacións tanto especies de aves urbanas tan recoñecibles e familiares como os pardais (nun 15 %), as andoriñas (nun 24 %), os birrios (nun 34 %) ou as lavercas (nun 34 %), como outras silvestres, como o paspallás (nun 66 %) ou a perdiz (34 % na primavera e 47 % no inverno). E o que aínda semella máis inquedante, durante a última década triplicouse o número de especies en estado desfavorable, unhas 115 de 400 sometidas a seguimento, tanto entre as sedentarias como entre as migrantes.
Os responsables de SEO, organización non gobernamental que leva máis de sesenta anos traballando a prol da conservación da natureza e da biodiversidade, alertan sobre os serios perigos que sofre o conxunto da avifauna na península, ao tempo que advirten que a redución do número de especies testemuña a baixa da calidade de vida en España, xa que segundo a Eurostat, a oficina europea de estatística, o seguimento das poboacións de aves comúns está entre os índices máis importantes para medir a sostibilidade e o benestar das comunidades humanas. Unha redución que atribúe ás ameazas provocadas polo cambio climático e a transformación das paisaxes agrarias, xa sexa por abandono ou por intensificación, ademais das provocadas polos impactos da caza ilegal e dos tendidos eléctricos.
Unha situación que, magoadamente, non parece moi distinta en Galicia, onde os membros da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) denuncian que a pesar da aprobación da Lei de Conservación da Natureza de 2001 e da existencia dende 2007 dun Catálogo Galego de Especies Ameazadas “a situación das aves ameazadas continúa a súa tendencia negativa”, atribuíndo a situación ao abandono dos usos tradicionais e cambio de usos do solo no rural galego e doutras políticas sobre a paisaxe. Así, particularmente a nosa admirda andoriña sofre os efectos da masificación forestal de piñeiros e eucaliptos, como tamén constitúen ameazas para ela e para outras aves a contaminación por pesticidas e hidrocarburos, ademais dos perigos que para elas supoñen as liñas electricas e os parques eólicos. Sen esquecer, a catástrofe animal producida pola vaga de incendios, que afectou singularmente as aves, como a contaminación ambiental provocada polas súas emisións a atmosfera e as augas, o que provoca tamén perigos para a saúde humana.
Xaora, neste contexto chama a atención que só dúas das trinta e dúas especies incluídas na relación de aves ameazadas en Galicia, a píllara das dunas e a escribenta das canaveiras, un paxariño de zonas húmidas, conten dende 2014 cun plan de recuperación e conservación activo. Sendo das dúas o caso máis significativo, polo momento, o da píllara, unha pequena ave limícola (apenas 15 centímetros), que ten o seu último reduto no norte da península e que aniña e medra en apenas vinte praias galegas, entre elas as de Gaifar e Lourido, a altura da desembocadura do río Muíños. A chamada tamén píllara papuda, unha especie considerada como “vulnerable” no catálogo galego de especies ameazadas –calcúlase que hai apenas un cento de parellas en Galicia– é moi sensible a acción humana e á doutros depredadores (singularmente os cans e os corvos pequenos) o que obriga a acoutar e sinalar zonas de nidificación nas praias, coa intención de conciliar a súa conservación cos usos turísticos e deportivos destes areais tan emblemáticas do concello de Nigrán como doutros como os de Baldaio, Coroso, Aguieira ou Valdoviño.
Sexa o caso das nosas andoriñas e lavercas ameazadas polos incendios e polas mudanzas das paisaxes agrarias, como o dos pardais que van desaparecendo silandeiramente da soleira das nosas fiestras ou as cativas píllaras das nosas dunas, a conservación destas aves ameazadas debería constituír unha das prioridades das políticas medioambientais e de loita contra o cambio climático dos nosos gobernos. E como esixen as sociedades e expertos en defensa da natureza requírense medidas urxentes que con criterios de conservación da biodiversidade atallen con enerxía semellante devalo. Salvar as andoriñas, tradicionalmente as protectoras das nosas casas (“amigo polo seu proveito, andoriñas no teito”), é hoxe tamén salvar o futuro de todos os nosos.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir