Despois de Angrois

No artigo da semana en Faro de Vigo volvo reflexionar sobre o accidente de Angrois e as leccións que, magoadamente, nos deixa.

Pasado o estremecemento mediático provocado pola desgraza de Angrois, comezou agora o longo período de silencio, o duelo, no que non será doado mitigar a dor das persoas feridas condenadas para sempre a lembrar aquela viaxe nin a soidade e a desolación das familias das vítimas cuxas vidas quedaron rotas na curva da Grandeira. Os días de loito oficial remataron. Abriuse a caixa negra, o maquinista declarou no xulgado e o xuíz imputouno por 79 delitos de homicidio imprudente por “condución inapropiada”. Semellaría que, por fin, na axenda pública, a utilizada polas institucións e polos medios de comunicación, pasada a imprevista desgraza de Santiago e o pleno extraordinario do Congreso onde Rajoy deu poucas explicacións sobre as súas amizades perigosas, este triste verán da crise e da corrupción política pode retomar a súa rotina.

E a pesar de que poida parecer antipático volver a reflexionar sobre o sucedido en Angrois, estou convencido que non está o alcacén para moitas gaitas. A traxedia do vinte e catro non pode quedar en auga de castañas nin é posible pasar xa páxina como xa fixeron algúns medios madrileños. As familias das vítimas e os lesionados teñen dereito a saber a verdade. As numerosas incógnitas existentes sobre as causas e circunstancias do accidente –dende as que atinxen ao comportamento dun maquinista con trinta anos de experiencia, pasando polas características de hibridación do tren, do propio trazado e do seu sinalamento, até as relativas ao funcionamento dos sistemas de seguridade na liña que puidesen evitar un fallo humano– deberán ser despexadas cando finalicen (agardemos que canto antes) as investigacións xudicial e técnica en marcha. Resultados que deben levar a asumir responsabilidades e a acometer as correccións e melloras precisas. Con  todo, é posible tirar xa algunhas leccións dunha traxedia que non debemos considerar como inevitable nin como un accidente natural.

Primeira. Demostrouse que é enganoso confundir responsabilidade con culpabilidade. Probablemente levados pola cultura relixiosa da culpa expiatoria, algún medios progobernamentais apuntáronse sen matices a considerar ao maquinista, que recoñeceu diante do xuíz o seu “despiste”, un erro humano, como único responsable dun accidente no que, porén, os indicios apuntan puido ter unha orixe multicausal. A inexistencia de sinais que marcasen o punto de comezo da redución antes da Grandeira e a instalación estes últimos días por parte de Adif de dúas balizas, que baixarían automaticamente a velocidade, se antes non o fixese o maquinista, avalan a verosimilitude desta hipótese. Como semellan agora interesadas as “medias verdades” (eufemismo) expresadas polos presidentes de Adif e Renfe sobre esta cuestión fulcral.

Segunda. Demostrouse que a complexa hibridación técnica do Alvia, vendida como alternativa de Velocidade Alta, mentres se adía (apostaría que sine die) a chegada da Alta Velocidade, non está exenta de perigos e de puntos negros. A posta en servizo, nos prazos previstos (2014), do AVE do Eixo Atlántico é unha prioridade estratéxica para saída de Galicia da crise, o eixo para artellar un novo modelo de mobilidade interior e de interconexión entre as nosas cidades atlánticas. Como é imprescindible despexar as incógnitas sobre o modelo de conexión ferroviaria de Galicia coa Meseta que utilizara até a finalización do AVE. Un debate que se debe dar tanto no Parlamento Galego como no Congreso dos Deputados.

Terceira. Demostrouse que, ademais do compromiso solidario da heroica enerxía da veciñanza de Angrois, resultou imprescindible a achega dos traballadores dos servizos públicos (sanitarios, policía, bombeiros, emerxencia, xudiciais…) como garantes da seguridade e igualdade. Unha dedicación máis salientable, aínda, cando veñen sufrindo durísimos recortes salariais e ameazas de privatización.

Cuarta. Demostrouse que os medios de comunicación públicos galegos son imprescindibles. A exemplar cobertura da traxedia realizada pola Televisión de Galicia e Radio Galega, ameazadas tamén polas gadoupas privatizadoras, xustificou outra vez máis a súa existencia diante da cidadanía galega como garantes de cohesión social e servizo público.

Quinta. Demostrouse que, a pesar de transcorridas máis de tres décadas da aprobación da Constitución, para os que nos gobernan continúa a “confusión” entre a Igrexa e o estado. Exprésao o feito de realizar primeiro un funeral oficial católico e romano na catedral, con protagonismo para a Casa Real e o Goberno de España, excluíndo con este rito a unha parte das familias das vítimas e da cidadanía que profesan outras crenzas, e despois un acto cívico e civil en Bonaval, no que tomaron a voz as familias das vítimas e os heroes de Angrois.

1 comentario
  1. Norberto Varela Calvo
    Norberto Varela Calvo Dice:

    Co paso dos dias e a fin do loito oficial, vén o tempo da análise polo miúdo dos feitos. A marxe das cuestións técnicas e xurídicas que xa ten o seu tratamento nos media e outros, a miña inquedanza reflicte nunha faciana, que penso se ven adiando de maneira rechamante, as accións da seguridade pasiva na viaxe mesma, máis os elementos técnicos que por forza da lóxica deberan se disparar nun accidente como o que ven de ocorrer.
    Chama a atención a fraxilidade da estrutura dos comboios e a sinxeleza coa que ceibáronse das fixacións no chan os conxuntos de asentos, as maletas, fardeis, ou o que as persoas encetaran nos andeis enriba das súas propias cabezas e as do resto dos viaxeiros, isto e fundamental xa que moitos dos feridos leves ven xaora co relato que a primeira cousa que lles inquedo e lles obrigou a ponse a resgardo, en troques de axudar a outros, foran estes obxectos “voando” no interior do comboio xunto aos corpos das persoas feridas esvaecentes, ou mortas. Cal é a xustificación da falla dos cintos de seguridade individuais , como se cumpre habelos nun avión, ou nun autocar.
    Na salvataxe os veciños, os bombeiros, as forzas de seguridade non tiveron nun primeiro intento xeito acadado de entrar nos comboios, agás aqueles que o permitiran polas portas interiores, botase a falla dun mecanismo que ceibe as portas de acceso para as abrir coa man nunha emerxencia, víronse nas imaxes da televisión intres dun forte patetismo nos que se acudiu as serras radiais, martelos, mazos, sachóns, mesmamente no caso das fiestras que amosan a falla dunha modalidade que escachar os cristais axiña, alí o patetismo foi noxento, xa que o máis normal fora lle dar cunha pedra ata facer un burato e logo coa man turrar do cristal coa finalidade de ampliar a fenda.
    Estas pexas semellan una actitude fachendosa e a falla de capacidade dos prestadores do servizo para enxergar que un accidente do nivel do acontecido é posíbel, ben que o tren na súa integridade ou algúns dos seus comboios a velocidade que rodan, inda que o faga a rentes do chan, ten entre os seus posibles erguer o voo, como sucedeu, e alí todo o que non estea suxeito ou fechado no interior dun cofre convertese nun proxectil coa capacidade de amolar até a morte a calquera corpo que se interpoñer no seu camiño. Arestora cumpre corrixir as eivas, non esquecer dos fallos e sen aforrar esforzos coa lembranza posta no devir.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *