Novos abismos
Unha das responsabilidades principais dos editores literarios é contribuír á aparición de textos de novos autores e autoras. Este é o sentido da serie Abismos que vimos publicando dende hai varios anos, onde debutaron, entre outros, narradores como Xesús Fraga, Samuel Solleiro, Mario Regueira ou Begoña Paz. Nestes días estamos a piques de recibir no almacén dúas novas entregas de Abismos: a primeira novela de Antía Nara (1974) Aquel lugar e o libro de microrrelatos Vidas post-it cos que debuta Iolanda Zúñiga (1975).
En Aquel lugar, unha muller emprende unha viaxe a Lahore, Paquistán, unha cidade de encontro convertida agora nun lugar inseguro porque se pensa que alí se agachan destacados terroristas. En certa medida, Paquistán é un país á deriva, perdido na procura da súa identidade; un país de terras profundas onde a vida, para unha moza como Talat, non é doada. Pero, lonxe, en Galicia, hai outra terra profunda semellante á de al-Luaira. É o punto de procedencia dunha moza que decide a viaxe como un xeito de liberación, pero que atopa o mesmo. Nesta novela, o debut literario de Antía Nara, mestúrase a violencia xeral coa particular, a tradición coa modernidade, o profundo coa superficialidade, a simplificación coa complexidade de dous mundos deixados á marxe. Polo momento, a viaxe queda como a única saída.
Contemporáneos e fragmentarios, os de Vidas post-it son microrrelatos ou relatos curtos, concisos e veloces, que alimentan un recetario de tropezos na vida. Unha tras outra, predominan as situacións cotiás guiadas por condimentos universais: incomunicación, soidade, desamor, abismo, sexo, rutina, violencia, melancolía, drogas, medo e outras miserias que murchan, afogan e desesperan; todo adobado coa fugacidade, precisión e brutalidade da vida sen decorados. Os post-it deste libro de Iolanda Zúñiga, escrito cunha prosa directa e rotunda, atractiva e imantada, son deseños veloces coma tráilers de películas que debuxan vidas marcadas polo naufraxio persoal ou colectivo, afondando no recuncho máis escuro e brutal da propia vida.
Aquel lugar e Vidas post-it estarán nas librarías na primeira semana de setembro.
Etiquetas: Abismos
Unha grande grande alegría, eu xa pensaba que a colección desaparecera. Andaremos á espreita.