624: «Amada liberdade», presentación das memorias de Fernando Pérez-Barreiro
No serán de onte presentamos no salón de actos da Academia Galega Amada liberdade, as memorias de Fernando Perez-Barreiro Nolla. Como anfitrión, Xesús Alonso Montero, presidente da Academia, abeizoou a aparición destas memorias dunha «personalidade cun orixinalidade extraordinaria nas letras galegas», cualificando o libro de moi importante. Salientou os extraordinarios dous primeiros capítulos, o relativo á infancia ferrolán e o titulado «Viveiro», así como as duascentas páxinas que autor dedica a Ramón Piñeiro coas que non quixo «entrar en controversia».
Despois das palabras do editor, interviu Teresa Barro, a compañeira do intelectual galeguista, que relatou a xénese do libro e o seu proceso. «O libro foi froito das conversas que mantivemos con amigos e amigas nas que coincidiamos en que faltaba unha interpretación do galeguismo que aparecera nos nosos anos universitarios». «No outono de 2007 fomos a Baiona a participar nunha actividade do IGADI. Ese día Camiño Noia e Xulián Maure insistiron en Fernando debía contar nun libro o que lle sucedeu con Ramón Piñeiro». «Cando regresamos a Londres puxémonos. Fernando ditábame todos os días. Era a única maneira de facelo xa que a el nunca lle gustou escribir fisicamente, atrapallábase. Porén, ditando era fabuloso. Sabíao polas secretarias da Organización Mundial do Café na que traballaba. Impecable. Non se equivoca en nada. A min, pola contra, sempre me gustou o feito físico de escribir, razón pola que non foi sacrificio ningún que me ditase. Falabamos todos os días durante un hora. Pasabámolo moi ben. Cando nos mudamos para Lancaster tivemos que interromper o proceso. As memorias quedaron sen finalizar. Quedou só comezado o capítulo da poesía, quizais o temas que máis lle interesaba. Tiña un xuízo moi rigoroso nesa esfera, sendo a súa pedra de toque a experiencia poética. Quedou pendente, tamén, a cuestión da política internacional. Fernando estaba moi informado sobre o que pasaba no mundo.
Rematou Teresa lembrando o interese de Fernando polas linguas e culturas dos diferentes países «nas que valoraba a diferencia, a variedade, a diversidade, a desemellanza». «Fernando interpretou a partitura do mundo como un intelectual e un poeta. A súa é unha interpretación nova e coherente feita con arte e poesía, aínda que estea en prosa. Fernando quixo levar a Galicia polo mundo enteiro e vivila de forma internacional. Estas memorias ofrecen unha narrativa de Galicia coa intención de axudar a comprender mellor o seu pasado, mais tamén o presente e o futuro».
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir