Xogo da serpe


Marea celeste

O noso corazón celeste levounos a incorporarnos á marea de afeccionados de Sal. Había tempo que non gozabamos co xogo electrizante da serpe e coa reivindicación da irmandade nacional. O estirón que prometeu o noso Arrigo é un feito que non ten volta. O taconazo defensivo de Borja foi o mellor do encontro.

Nas terras de Merlín


Loureiro e Merlín

A vella cidade de Merlín recibiunos onte cun fiíño de brétema. Participamos na cerimonia da presentación da novela de Loureiro e do irmanamento coa cidade guindastre. A reivindicación das Terras de Escandoi desta terceira Bretaña e a presenza virtual do Chanceler, do meigo Merlín e dos membros de Toxos e Froles transformaron o acto nunha páxina máis desta novela alucinante onde se mesturan o mundo e o trasmundo sen solución de continuidade. Marchamos para o partido tan conmovidos coma asustados.

Independencia

Foi unha alegría contar con Franco Grande presentando o libro de Veiga. O veterano académico é exemplo de que a independencia de criterio é un camiño, por difícil que semelle, posible na intervención política e cultural en Galicia. As súas palabras foron atinadas. A literatura, basicamente, é facerse preguntas.

Con Cuerda


A lingua das bolboretas

Onte á noite coñecín a Cuerda. Foi un dos presentadores do libro de Antón en Auria. O cineasta rendeu un tributo á educación como transmisora de talante crítico (mágoa o abuso desta palabra) e da capacidade de análise da realidade social. Pareceume un tipo ben simpático e moi bo narrador oral. Enunciou un discurso aceirado contra a civilización do espectáculo e da percusión: “se non fas ruído ninguén che atende nesta sociedade maceirada polo poder”. Cuerda prefire a harmonía das melodías de Alejandro.

Nova lei educativa e gratuidade

Un grupo de editores mantivemos onte unha reunión con Mauricio Santos, presidente de Anele, co obxecto de analizar o estado do proceso da nova reforma educativa e as consecuencias para o sector dos diferentes modelos de gratuidade do libro de texto. O goberno presentará a finais deste mes unha nova lei de educación, que refundirá os catro textos anteriores vixentes e, sobre todo, devolverá o carácter comprensivo da ESO, ao tempo que reducirá nesa etapa o número de materias. Quizais, a novidade máis salientable será que a LECTURA adquirirá un maior relevo, sendo considerada como unha materia transversal. Isto, creo que é unha boa noticia para a edición, xa que suporá volver poñer sobre a mesa o estado (lamentable, na maior parte dos casos) das bibliotecas escolares e a necesidade imperiosa da súa mellora.
Sobre o conflito da gratuidade as noticias foron menos alentadoras. O modelo de préstamo (a propiedade dos libros corresponde aos centros), actualmente en experimentación en Galicia, de ser xeralizado en todo o ensino obrigatorio reduciría a facturación do sector educativo nun 52% (o que sería gravísimo, xa que o libro de texto supón entre o 35 e 40% da facturación anual). O do préstamo é un modelo que rebaixa o valor do libro, fomenta a fotocopia ilegal e destrúe a rede de librarías de proximidade, o tecido cultural máis tupido co que conta o libro. Se non lle poñemos remedio (alternativas hai, como as exitosas fórmulas do copagamento electrónico, implantadas no ensino secundario francés), en Galicia, nun prazo de catro anos, perderanse centos de postos de traballo, o que terá consecuencias para todas as tipoloxías da edición galega. A vindeira semana presentaremos diante da Consellaría unha alegación xustificada. A ver!!!

A culpa foi de R.C.O.

Os seguidores da polémica de Jaureguizar teñen hoxe no Faro das Culturas (mágoa que non apareza na rede este suplemento monolingüe, que fai un seguemento puntual da nosa produción editorial) magnífica entrevista co protagonista. “Creo que nun país tan pequeno é tan imposible ser tan coñecido como Antonio Gala, como ser tan descoñecido como Salinger”, afirma o autor de Dedre. Non lle falta razón.

Calígrafo

Lázaro Enríquez

Despois de moitos meses, visito a Lázaro, o calígrafo, deseñador gráfico e ilustrador a quen tanto admiro. Este mestre galego-cubano foi quen mellor nos ensinou na editorial que a caligrafía é a danza da pluma e a escolla tipográfica é o primeiro labor do editor. Os seus caligramas son metáforas xestuais, onde o texto do poeta e o grafismo do calígrafo conforman unha escultura de tinta plana. Falamos das saudades do Malecón, do seu querido Ángel, das miserias da nosa cidade revolcada ou do último premio que hoxe lle anunciaron desde Xapón. Ultimamos o espazo para un signo, esa afirmación do xe que preparamos para o noso aniversario. En Galicia hai moita xente valiosa coma el que debido á elegancia da súa discreción apenas se coñece.

Kapire mosamam mam kapire

Hoxe na mani escoitamos de novo a canción de Pilocha e Carmen Blanco.
Ben bonita que é amosando o anceio da igualdade real.
Kapire, mosamam, mam, kapire, el ham mosamam el ham. Kapire, mosamam, mam, kapire, el ham mosamam el ham…

A palabra que danza

Comprobo que hai moito interese por definir a ciberliteratura. A miña achega ao debate é recomendar un blo dun auténtico veterano da edición dixital. Axudará tanto a teóricos diletantes, que teñen que opinar sobre o chollo, como aos usuarios inexpertos que exploramos cada día as posibilidades do soporte. Co doado que é pontificar e o difícil que é traballar.

Frankfurt falará catalán en 2007

A Feira do Libro de Frankfurt, a babel da edición mundial, aprobou que a cultura catalana “será a convidada de honra da feira do ano 2007”. O Institut Ramón Llull, a entidade pública que se ocupa da promoción da cultura catalana no exterior, recibirá decontado o contrato e tratará de converter o 2007 nun ano de proxección intensa da literatura catalana, tanto en Alemaña coma no resto dos países europeos. A cultura catalana xa fora, con notable éxito e repercusión mediática, o foco da última Feira do Libro de Guadalajara, o máis importante dos eventos editoriais iberoamericanos. O número de traducións de obras publicadas orixinalmente en catalán e a presenza dos autores cataláns nos foros internacionais incrementarase notablemente despois deste Frankfurt 2007.

Non hai dúbida: o traballo político da consellera de Cultura, do Gremi de Editores de Catalunya e da Associació d´Editors en Llengua Catalana (os nosos colegas de Galeusca) a prol da internacionalización da súa literatura e da súa edición comeza a recoller froitos. Desde Galicia, onde estamos comezando este difícil e custoso traballo diplomático, sentimos certamente un pouco de envexa.