Artigos

Onte 1946: Fervenzas Literarias 2017

Coa súa puntualidade característica o anuncio dos premios Fervenzas Literarias abriu onte a rolda de galardóns anuais á obra editada en lingua galega e ao recoñecemento do activismo no sector editorial e da lectura en lingua galega. Uns premios outorgados dende 2007 por esta pioneira revista dixital literaria en galego, á que non é allea a teimosía e o rigor do bibliotecario Nacho Alonso, que se foron consolidando tanto como referentes da popularidade na rede (nesta edición superáronse o medio millar de votacións) como pola súa influencia para marcar tendencias de escollas posteriores.

No que atinxe ao noso traballo como editores de Xerais quedamos ben satisfeitos polo feito de que catro das nosas obras fosen consideradas como “mellor libro do ano” nas modalidades de narrativa, A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo; na de teatro, Suite Artabria de Manuel Lourenzo; na de libro infantil e mellor capa de LIX, A señorita Bubble de Ledicia Costas e Andrés Meixide; e na de mellor capa de adultos, Luns de Eli Ríos, sobre fotografía de Paula Gómez del Valle. Como tamén é unha satisfacción que Víctor Rivas fose escollido como “mellor ilustrador do ano”, ao que sabemos non foi alleo o seu traballo man con man con Ledicia Costas nas obras do proxecto Escarlatina. Como tamén nos orgulla o feito de que as obras de Xerais fosen elixidas nos postos relevantes de case todas as modalidades, o que constitúe un estímulo para os autores e autoras como para  cadro de profesionais da editorial. Xaora, tampouco pode negar que constitúe para min unha ledicia o feito de que outro ano máis Culturgal fose “o mellor acontecido en 2017”, o que supón un recoñemento para o labor discreto dos que nos responsabilizamos da asociación Culturgal e, sobre todo, do equipo de profesionais dirixido por Xosé Aldea.

Todas as persoas premiadas e todas as finalistas destas Fervenzas Literarias 2017 merecen os nosos parabéns pola excelencia do seu traballo e pola súa achega para ampliar a diversidade e a calidade do espazo da edición e da literatura galega. Como sinalabamos o pasado ano, esta nova colleita de Fervenzas expresa “a vitalidade do libro galego e a vontade de ampliar os seus públicos”. A pesar de que continuamos á intemperiem seguimos vivos e con azos anovados.

Onte 1926: Presentación de «Suite Artabria» de Manuel Lourenzo

Presentamos no serán de onte na FNAC da Coruña Suite Artabria, a obra de Manuel Lourenzo gañadora do Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais 2016. Un acto que resultou moi interesante grazas as dúas grandes intervencións, tanto a do autor como a do presentador, o profesor Henrique Rabuñal.

Comezou Rabuñal encadadrando Suite Artabria dentro da obra dramática de Lourenzo, «un chanzo máis no seu teatro sen máscara, sen concesión, unha viaxe aos abismos, aos labirintos, ás tensións da humanidade, desa humanidade particular que somos nós, en palabras a Manuel María». A seguir, lembrou que «o teatro de Manuel Lourenzo abrangue todos os oficios teatrais, inserido sempre nos problemas do noso país». «Lourenzo é, ademais, un magnífico escritor, mergullado no propio idioma, un océano onde hai que debullar e investigar». Para despois referirse Rabuñal a esta suite na que «propón unha viaxe por esta cidade dual [referíndose Á Coruña], que por un lado parece burguesa e provinciana, mais por outro é unha cidade galega e moi conectada co mundo rural». «Un libro que posúe dúas vocacións, a primeira a de constituír unha autentica suite, xa que todas as pezas teñen a conexión da cidade ártabra; a segunda, por ofrecer un teatro concibido para ser dialogado polos espectadores, nun momento no que o teatro está nunha certa desaparición».

Referiuse despois o presentador aos espazos das tres pezas do libro, o Orzán, as Atochas e a Falperra, «capaces de levarnos a esa cidade aldea, selva, cidade evocada, onde emerxen as paixóns humanas que poden existir en Londres. París, mais tamén aquí». «Unha cidade de barrios, de vivendas humildes, de edificios ruinosos, de espazos fríos, onde hai un balbordo continuo de obxectos (fregonas, espátulas, tarxetas, radios, sachos, vasos…) ou de cousas de comer e beber, que todos podemos recoñecer». «Pezas onde están presentes os ruídos e os sons, como tamén os silencios, unha expresión da música que coincide cos ambientes do lusco e o fusco, de solpores e abrentes». «Mais tamén hai unha presenza da violencia, das feridas, das labazadas ao carón do abismo, sen descartar os beixos, as caricias e os bailes sensuais».

«Os personaxes desta suite son doentes, neuróticos, derrotados, violentos, capaces de matar e de agochar cadáveres na procura do amor. Hai unha dialéctica entre o presente e o pasado, que volve e nos persegue, que nos determina. Como determina a presenza da violencia sexa machista, policial, sexual, a dos desafiuzamentos, a cobiza… este é un libro moi expresionista, seres que pretenden inventar unha saída, cando non existe, seres que ultrapasan a liña vermella dun tempo noso e doutros pretéritos contado nun galego excepcional dun escrtior con talento rotundo».

Pola súa banda, Manuel Lourenzo comentou a sorpresa que levara coa recepción deste libro «co que moitos me din entrei nunha nova fase, a pesar de que as tres pezas acabeinas hai seis anos e algunha ten na súa primeira versión case vinte». Agradeceu a crítica que lle fixera en La Voz de Galicia o escritor Diego Ameixeiras, «unha das cousas máis fermosas que se escribiron sobre a miña obra». Manuel Lourenzo, despois de referirse a súa admiración polo teatro de Álvaro Cunqueiro e Otero Pedrayo, explicou con detalle as dificultades dos membros da súa xeración de escribir só con metáforas: «esta suite quizais sexa unha das miñas obras que se achegan máis o real», confesou ao remate dunha intervención moi emocionante.

Onte 1876. Xerais 2017, a lectura unha causa de todos

Premios_Xerais_2017

A lembranza de Agustín Fernandez Paz durante a presentación de Un mundo de palabras e o discurso luminoso de Xurxo Mariño, A pedra negra, marcaron o ton emocionante e sereno da cerimonia dos Xerais 2017, que celebramos no serán de onte (por décimo terceira vez) na illa de San Simón. A magnífica intervención de Isabel Soto, a editora literaria do libro que reúne os ensaios de Agustín sobre o libro e o fomento da lectura, insistiu na idea de que para el a lectura é unha causa que a todos nos convoca, da que ninguén pode sentirse alleo. Como despois moito nos emocionou a interpretación que A Banda dos Cueiros fixo da canción “O rastro que deixamos”, xa que detrás de cada verso, un título de cada un dos libros de Agus, forxáronse moitas complicidades e horas de lectura.

Xurxo_Mariño_03-06-2017Xaora, o discurso de Xurxo Mariño imprimiu outro rexistro ao serán, reclamando a cultura científica e tecnolóxica e a cultura humanística como unha única cultura. Primeiro, Mariño fixo un percorrido sintético e engaiolante pola historia da ciencia e das artes, defendeu a convivencia das humanidades e das ciencias experimentais como compoñentes dunha única cultura, reivindicando tanto o coñecemento humanístico para os científicos como o coñecemento experimental para artistas, poetas e novelistas. Mariño rematou co relato abraiante da orixe dun meteorito, a pedra negra que tiña na man, unha lectura poética que a todos entusiasmou.Foron excelentes todas as intervencións do ditame dos tres premios, tanto por parte dos membros dos xurados como da gañadora do Premio Merlín, María Canosa por Muriel, como do Jules Verne, Manuel Lourenzo por Ceiba de Luz, e do Premio Xerais de novela, Santiago Lopo por A arte de trobar.

Non faltou, como é adoito, a expresión humilde das nosas gratitudes para todas aquelas persoas que acudiron ao noso convite, activistas, a maior parte, desa revolución aínda pendente que é a da lectura literaria en galego. Sentímonos particularmente agarimados onte pola presenza das presidencias da AELG, da Federación de Librarías e de GALIX, que se solidarizaron con esta nosa causa. Sei que esta reunión anual de San Simón contribúe a tecer unha rede de afectos e complicidades, un xeito esperanzoso de enxergar un mellor horizonte para a creación literaria na nosa lingua.

Agradezo a Xurxo Mariño a fermosa fotografía de grupo que forma parte dun álbum magnífico que recomendo visitar.

Guardar

Guardar

Guardar