Está vendo o arquivo da categoría » josé_blanco

Tras a demolición da executiva de Pedro Sánchez, unha operación deseñada polo poderoso entramado mediático, empresarial e político internacional de Felipe González, o goberno de Mariano Rajoy está ás portas, xa que os que mandan dende onte no PSOE non queren nin goberno alternativo con Podemos  (meigas fóra!) nin novas eleccións. A partir de hoxe mesmo asistiremos á segunda fase da operación, a teatralización desta abstención do PSOE e á da recuperación do consenso entre as dúas sensibilidades enfrontadas de «forma apaixonada», que os medios afíns disfrazarán co argumentario das duras condicións esixidas a Rajoy polos socialistas (adiamento da LOMCE, lei mordaza, suba do salario mínimo…) como pola súa altura de miras para comprender as «razóns de estado», que non son outras que eses 15.000 millóns de euros (de recortes) esixidos polos acredores ao Reino de España.

Xaora, non é descartable que Mariano Rajoy, diante do éxito da súa estratexia de deixar que se desfagan os seus adversarios a lume lento, pretenda alongala outro mesiño forzando así a convocatoria dunhas terceiras Xerais ás portas de Nadal. Non fai falta ser adiviño para prognosticar daquela unha probable maioría absoluta dos populares e unha catástrofe histórica dos socialistas, reducidos a un partido nacionalista andaluz, que pagarían a prezo de ouro o capricho de Felipe e da súa raíña Susana. Proceso de pasokización que se completaría co inevitable ascenso de Podemos, como primeiro partido da oposición ( o soño de Iglesias), e o ascenso dos partidos nacionalistas cataláns, vascos e (desta volta, tamén) galegos, unidos pola estratexia do dereito a decidir.

Un proceso de dereitización do PSOE que non é difícil agoirar se reproducirá decontado no PSdeG-PSOE, onde probablemente reaparecerán as figuras do pasado (o eurodeputado José Blanco xa deu sinais de vida), dispostas a demoler a xestora de Pilar Cancela, o liderado parlamentario de Leiceaga e a «colaboración» cos gobernos municipais das Mareas. Un inicio de lexislatura magnífico para un Alberto Núñez Feijoo feliz, preparando as súas opcións para substituír a Rajoy cando fixese falta.

Onte viviuse un episodio dunha estratexia de alcance, a de evitar a posibilidade de conformar gobernos alternativos aos do núcleo duro conservador, no caso español o Partido Popular, ou de non houber outro remedio, dunha grand coalition con socialistas e liberais. Do que se trataba onte en Ferraz, en definitiva, era de derrubar sen piedade aos que defendían a doutrina perversa do «Non é non». Traballo feito.

Angrois

bretemas —  26 de Xullo de 2016 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a lembrar a traxedia de Angrois no seu terceiro aniversario e a reclamación das vítimas e familiares.

Desde aquel serán do 24 de xullo de 2013 no que o Alvia 04155 entrou na curva da Grandeira de Angrois a 179 km/h, as familias das 81 persoas falecidas e as 143 feridas (algunhas aínda en proceso de difícil recuperación) agardan coñecer as circunstancias e as causas que expliquen esta traxedia, a máis grave da historia ferroviaria de Galicia e a primeira que se produciu nunha liña cualificada como de “alta velocidade”. Dende entón, tras os confusos e contraditorios ires e vires da causa xudicial, incluída a mudanza do xuíz instrutor e a imputación e desimputación de responsables de ADIF, as vítimas agardan con esperanza que a reapertura da instrución ordenada o pasado mes de maio pola Audiencia Provincial da Coruña achegue, por fin, os elementos de verdade, xustiza e reparación que elas merecen e que nunca recibiron.

Ao longo destes tres anos as vítimas non foron escoitadas polas autoridades do Ministerio de Fomento dirixido por Ana Pastor nin tampouco polos responsables de ADIF e Renfe. Un doloroso silencio que as obrigou a recorrer ao amparo da Axencia Ferroviaria Europea, que a comezos deste mes de xullo entregou a Ana Miranda, voceira do BNG no Parlamento Europeo e intermediaria na reclamación, un informe no que determina que a Comisión Española de Investigación de Accidentes Ferroviarios (nomeada polo Ministerio de Fomento con técnicos de Adif, Renfe e Ineco) encargada de investigar o accidente de Angrois non foi independente do poder político. Un ditame que salienta que este informe técnico máis alá de centrarse no “erro humano” recoñecido do maquinista non pescudou como debera nas “causas raíz do accidente”. Un informe demoledor para as autoridades ferroviarias españolas que obriga a retomar a investigación sobre o sucedido en Angrois, a formular e responder todas as preguntas e que mesmo abre a posibilidade de colaboración das vítimas neste proceso de indagación da verdade.

Xaora, esoutras circunstancias relativas ás condicións da vía e de seguridade destes Alvias do traxecto Galicia-Madrid, tras o sinistro, foron aparecendo nos medios galegos. Para o abraio colectivo fomos coñecendo diversas eivas de seguridade da primeira liña de alta velocidade en Galicia, Ourense-Santiago, inaugurada o 10 de decembro de 2011, sendo ministro de Fomento en funcións José Blanco. Soubemos que o proxecto inicial da curva Grandeira, a tres quilómetros da estación de Compostela e cun radio que obriga a reducir a velocidade dos trens a 80 km/h, fora modificado en 2010 aducindo razóns orzamentarias. Como coñecimos que o sistema ERTMS de control de velocidade e frenado automático non funcionaba nestes trens Alvia S-730, a pesar de que este mecanismo de seguridade permite coñecer en calquera momento o percorrido do tren e, se fose, necesario emendar erros humanos.

Sen entrar a dirimir cal pode ser o alcance destas cuestións técnicas e xudiciais tan complexas, as asociacións de vítimas reclaman responsabilidades políticas nun proceso onde o peso das decisións adoptadas polos diversos responsables do Ministerio de Fomento é evidente. A negativa do Partido Popular e do PSOE a crear unha comisión de investigación sobre o sucedido en Angrois tanto no Congreso dos deputados como no Parlamento Galego non axuda tampouco a crear un clima onde a independencia na análise dos feitos sexa a que reconduza o proceso.

A este teor tanto a xa citada resolución da Axencia Ferroviaria Europea (cuxa divulgación as autoridades españolas solicitaron se adiase até despois de celebradas as Xerais do pasado mes de xuño) como o recente auto da Audiencia Provincial da Coruña cuestionan a independencia do informe técnico oficial encargado polo ministerio de Ana Pastor, o que abre un espazo para a sospeita sobre a veracidade das súas conclusións e para o desacougo cidadán sobre a seguridade ferroviaria.

O sucedido en Angrois aquel serán grande de Galicia, como as penalidades e desacougo que dende entón sofren as vítimas e as súas familias, demostran que, como establece a normativa europea, un sinistro ferroviario tan grave é imprescindible que sexa investigado por unha comisión técnica independente. Un equipo de especialistas que non estea suxeito nin dependa do goberno de turno nin da entidade que regula os camiños de ferro (ADIF) nin do transportista (Renfe) nin da empresa que avalíe a seguridade do trazado (Ineco) nin dos fabricantes do tren nin das aseguradoras nin dos sindicatos ferroviarios. Xustamente o que non se fixo até agora no caso Angrois. Estes técnicos son os que despois de recabados os datos poderán responder as preguntas que hoxe non teñen resposta e os que determinarán o alcance das responsabilidades. Só ese camiño cara a verdade abre a porta do da xustiza e do da reparación que reclaman as vítimas de Angrois.